O director de Vilaweb defende nun artigo a saída da UE

Vicent Partal, director de Vilaweb, o xornal dixital de referencia de Catalunya, defende unha Catalunya fóra da Unión Europea. Faino neste artigo que polo seu evidente interese reproducimos, traducido para a nosa lingua.



Na década dos '90, cando traballaba na Europa oriental, aprendín un par de cousas. Que non hai nada inamovíbel e que as esferas de influencia poden abrirse ou fecharse. Explicaba, facendo garabatos sobre mapas, que Rusia, cando se fechaba, se repregaba até San Petesburgo, daquela aínda Leningrado, mais que cando se abría podía chegar...até Berlín. Podía explicar a historia enteira de Europa oriental como un xogo de abanos que se ían abrindo e fechando: rusos, turcos, esvalos e austro-húngaros.

Cando apareceu a Unión Europea tentei aplicar o mesmo esquema, mais decateime deseguida que aquilo non funcionaba. Que sempre, co permiso da exótica Groenlandia, Europa se expandía. Porén, comecei a pensar que talvez era unha visión atrapallada polo facto de que até o de agora Europa só tivese tempo de se expandir. Mais quizais agora -só quizais- chegou a hora de que o abano se feche tamén, como unha constante xeopolítica, para Europa.

Xente de Syriza a falar de saír da UE

Pistas? Esta semana Islandia freou o proceso de adhesión á Unión Europea. Deixouno parado. Teñen eleccións e a populación non é nada partidaria de entrar na UE. Tamén na Grande Bretaña intensificouse o debate até o punto de Cameron dicer que talvez era ben facer un referendo. En Grecia, por vez primeira dinme que hai xente de Syriza que xa fala de marchar da Unión. Mesmo no noso país, aínda timidamente, medra o debate.

Islanda freou o proceso de adhesión á UE. A populación non é nada partidaria de entrar na Unión

É unha pergunta que cada vez me fai máis xente en charlas e debates: estaríamos mellor dentro da UE ou fóra? E lamento dicer que a miña opinión é cada día máis firme en favor de ficarmos fóra da Unión. Porque esta Europa concreta que vivimos non achega nin unha vida mellor nin máis democracia á súa cidadanía. E, en troca, é extremadamente cruel connosco, impóndonos a ortodoxia económica máis cega e a adoración do estado como interlocutor único.

Que teñan tino, entón, que o abano podería moverse por máis dun ponto e cando acontece iso a experiencia dime que é cando se achegan os grandes cambios.