O Consello da Cultura Galega conmemora a Constitución de Cádiz

Cunha edición conmemorativa, o Consello da Cultura Galega súmase ao bicentenario da Constitución de Cádiz de 1812. O organismo estatutario de promoción da cultura galega e a lingua ven de presentar unha edición facsimilar conmemorativa en papel, á que se pode acceder en formato dixital, con estudos de Roberto Blanco Valdés e Ramón Maiz.
Constitución
photo_camera Constitución


Ademais do texto en edición facsimilar da primeira constitución española, a súa tradución ao galego e o discurso lido nas Cortes pola comisión redactora, o CCG engadiu á conmemoración os textos de Roberto Blanco Valdés, Ramón Maiz mais o propio presidente do organismo, Ramón Villares, Ademais, a publicación inclúe un inventario das fontes bibliográficas e hemerográficas galegas arredor do texto constitucional que correu a cargo de Lourdes Pérez. O proxecto conta coa colaboración da Secretaría xeral de Política Lingüística e a Escola Galega de Administración Pública.

Fundacional da “nación española”

A edición foi presentada no Parlamento de Galiza e, canda os autores dos textos e o presidente do CCG, participou no acto a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo. Trátase dun amplo volume de 514 páxinas que para Rojo é o “sólido punto de partida para o modelo parlamentario que, co decorrer do tempo, alumeará o actual sistema democrático”. Blanco Valdés referiuse ao carácter fundacional da “nación española” no sentido que se recolle na primeira Constitución. Para Villares trátase dunha “obra auroral da nosa convivencia democrática”
O presidente do CCG xustificou a publicación por parte do organismo pola constatación da repercusión que tivo no emprego da fala popular galega, o que fixo que se considerada acaído “ofertar a un lector galego actual esta versión na nosa propia lingua, resolvendo unha carencia e subliñando ao tempo a data conmemorativa”.

Comentarios