O alcalde popular de Viana do Bolo edita un bando en exclusiva para cualificar o BNG de mentireiro

O bando, asinado polo rexedor, Montesinos Rodríguez, e con garimbo do concello, foi repartido por persoal municipal en Viana do Bolo para desacreditar os argumentos do BNG sobre a suba de taxas.
Casa do Concello de Viana do Bolo
photo_camera Casa do Concello de Viana do Bolo

A Montesinos Rodríguez, alcalde de Viana do Bolo polo Partido Popular, non se lle ocorreu mellor forma de contrarrestar o posicionamento do BNG deste concello do oriente ourensán sobre a suba de taxas municipais que publicar un bando ‘monotemático’ para criticar os e as nacionalistas. Mesmo botando man Montesinos Rodríguez do conde de Romanones para, referíndose sempre ao BNG, proclamar como peche do bando a frase de “¡Joder, qué tropa!”.

O fin do bando non ten perda. Montesinos, referíndose o BNG, sinala: “Como diría o conde de Romamones, ¡joder, qué tropa!”

Deste xeito, o que é un edicto oficial dunha administración local para informar á veciñanza sobre cuestións municipais converteuse, en mans de Montesinos, nun pasquín político en que o alcalde aborda “as grandes mentiras” do BNG. De feito, o título do bando xa é clarificador neste sentido: Bando Informativo sobre as mentiras do BNG

De aí que a formación nacionalista presentase xa no Parlamento de Galiza unha pregunta para a súa resposta oral “ante a utilización de medios e recursos públicos por parte do alcalde de Viana do Bolo para difamar o grupo municipal do BNG”.

Berlanga no oriente ourensá

Non se sabe se, como se dunha película de Berlanga se tratase, o bando foi lido na praza da Vila por un ‘pregoeiro’ con corneta incluída. Mais o que si se sabe é que este edicto foi repartido por persoal municipal en diversos puntos do concello. No texto o alcalde afirma que ten o deber de informar os e as veciñas despois de que o BNG “andase predicando por diante e por detrás” que o concello aplicaba importantes subas en taxas como a da auga ou as terrazas. “Afirmacións que son, de entre tantas outras, dúas grandes mentiras”, sinala no edicto o rexedor de Viana.

O alcalde popular desafógase a gusto no bando para deixar claro aos e ás [email protected] do edicto que o BNG mente e que non hai tal suba de taxas. Todo o contrario, apunta, pois o que houbo foi “un baixón do 5.368 por cento”.

Un alcalde ‘sui generis’

Desde o Bloque Nacionalista Galego sinálase que Montesinos Rodríguez (alcalde de Viana polo PP desde 2007) vai acumulando no que vai de lexislatura un amplo currículum “de comportamentos antidemocráticos” e de “utilización partidaria da institución municipal”.

Neste sentido, lembran que é práctica habitual do rexedor “a negativa a achegar aos concelleiros da oposición a documentación” ou ben a celebración dun pleno sen convocatoria previa á oposición.

Nas eleccións municipais de 2011 en Viana do Bolo, o PP atinxiu 7 [email protected], 3 o BNG e 1 o PSOE.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Galiza
comentarios