Nova provocación do conselleiro de Cultura, ao non asistir á gala dos María Casares

Poesía. Teatro. Para todos os públicos, no mellor sentido da palabra. Aínda que nel non se fale. Nuncabunga, da compañía Elefante Elegante, fíxose co premio María Casares ao mellor espectáculo. Foi a nota positiva da gala. A negativa, a nova provocación do conselleiro de Cultura, que non se dignou a asistir á cerimonia de entrega.

Muitas veces o teatro infantil é o máis adulto, o que ten máis sentido, máis xuízo, máis capacidade de desvendar as verdades e as mentiras. Nuncabunga, o espectáculo da compañía Elefante Elegante, obtivo o premio grande da presente edición dos galardóns María Casares, que se entregaron esta cuarta feira no Teatro Rosalía da Coruña.

Non foi o espectáculo que colleitou máis premios. Esa honra foi para Tokio 3, de Voadora, con 5 galardóns, mentres que Viaxe a Ningunha Parte, de Sarabela Teatro, se fixo con 3.

Os responsábeis da cultura galega -digamos o conselleiro Jesús Vázquez- nen se dignaron presentarse na cerimonia de entrega á que si acudiu o flamante director do Agadic, Jacobo Sutil. Actores e atrices acusan a Vázquez de non querer nen dialogar. Onte o conselleiro deulles a razón. Non é xa que non dialogue, é que nen sequer fai acto de presenza no evento anual máis importante da cena deste país.

Houbo espazo para a denuncia da desatención e o desleixo coa que a Administración autonómica trata o teatro galego. En palabras de Toño Casais, presidente da Asociación de Actores e Atrices de Galiza: “Vivimos un desmantelamento dende o 2010. Estamos coa auga ao pescozo e temos a impresión de que alguén nos pon o pé na cabeza".

Comentarios