Neste Sermos nº 75: Ola Estado policial, adeus liberdades civís

Analizamos o anteproxecto de lei de seguridade cidadá. Falamos da trama económica tras o Prestige, do naval, de Discos da Máquina... e entrevistamos Fina Casalderrey e a cooperativa Sacauntos. Xa á venda na nosa loxa. 


Máis un número de Sermos Galiza. O 75. Que, aínda que non o pareza, xa son uns cantos. O tema da semana será o anteproxecto de lei que prepara o goberno español para regular a 'seguridade cidadá'. Falamos con avogados, representantes de plataformas de dereitos civís,... para comprender o alcance dun ha medida que nos sume de cabeza no Estado policial.

Na Análise achegámonos a voces que alertan de que se albisca un estancamento da indignación social organizada. Un escenario que beneficia un PP que confía en que o paso de tempo apague por si propio a fogueira social. E neste número tamén falamos da trama económica paralela do Prestige, que tamén saíu impune.

Medidas para crebar folgas e novas tecnoloxías

A decisión do PP de meter a tesoira e recortar escanos no Parlamento , o debate dos orzamentos ou como o Banco de España elixe trincheira na poxa de NGB son outras das cuestións que tratamos neste semanario, desde esta quinta feira nos quioscos.

O naval en loita, a lei de servizos mínimos que prepara Rajoy como o mellor creba-folgas é outro tema ao que lle metemos dente. No apartado de tecnoloxía falamos de como se están a reinventar as eleccións.

Cooperativismo e Catalunya

Entrevistamos a Tomás González, da cooperativa Sacauntos, que desde o barrio compostelán de Vista Alegre nos fala de sinerxias para resistir e avanzar nun contexto de crise xeralizada. Con Joan Teran (Candidatura d' Unitat Popular, CUP) falamos de política, da que se fai desde abaixo e sen medo para erguer unha outra Catalunya.

E tamén nos animamos con Discos da Máquina, posto en marcha por músicos con trabe na autoxestión e cun pequeno catálogo como bomba de reloxería. Con Fina Casalderrey, escritora e nova integrante da RAG, departimos de literatura, experiencias, ensino e da vida.

Inquisición, lactancia, Terra queimada

Na sección Viaxes na Miña Terra imos da man do colectivo XEA até Corzáns, o portal da Inquisición. Okapi lévanos a 'A Terra Queimada', o libro-CD coa intriga Xurxo Souto e a música de Lalo Carnota.

E nas seccións, en libros Mario Regueira fálanos de 'Cadeas' de Xabier Cordal; en Cinema, un clásico, 'Michael Collins', con Andrés Castro; e na música Olga Brañas cóntanos de 2nafronteira.

E na contracapa falamos con Bibi Fernández, nai e coidadora que inicia unha nova aventura con outras coidadoras co noso idioma como protagonista.

Comentarios