Neste nº89 do Sermos: cerco, pre-campaña das europeas e a paixón de Feijóo polo cemento

Máis un número na rúa. E xa van 89. Neste semanario lembramos os 3 meses que estremeceron o mundo (do cerco), entrevistamos os candidatos nas primarias de CxG, debullamos que é o que pasou con Sargadelos e descubrimos o río Selmo. Xa á venda na nosa loxa. 

Capa_SG89

Foron tres meses intensos nos que os cerqueiros galegos chegaron a poñer contra as cordas á conselleira do Mar. Finalmente houbo acordo, mais provisional para este ano. No 2015, os criterios da repartición da xarda terán que ser outros, advirten. Debullamos o que pasou e por que neste nº89. O que acontece co proxecto de Sargadelos tamén ten cabida neste semanario, explicando que sucedeu con esta marca emblemática da cultura galega.

Coas europeas cada vez máis perto, analizamos esa cita desde diferentes vertentes. Así, entrevistamos os candidatos nas primarias de Compromiso por Galicia e tamén analizamos a estratexia do PP de criminalizar o BNG e a súa coligación.

Mais hai moito máis. Entrevistamos aos escritores Francisca Rodríguez e Arturo Iglesias, así como a Cano Paz (da pontevedresa Libraría Paz), viaxamos polas picheiras do río Selmo en Viaxes na Miña Terra e acompañamos o suceso da equipa de hóckey de Cerceda.

Xa á venda na nosa loxa. 

Comentarios