martes 21.01.2020

Cen días despois do incendio, Monte Pindo Parque Natural esixe responsabilidades

Sen ningunha detención nin avanzos na investigación. Ningún responsábel político puxo o seu nome sobre a mesa nin se incrementou a protección e investimentos na zona. Tampouco se indemnizou aos veciños que viron casas e explotacións ardidas. Monte Pindo Parque Natural pide responsabilidades cen días despois do incendio . 

Monte Pindo
Monte Pindo

O 11 de setembro un brutal lume arrasou o Monte Pindo, no concello de Carnota. Cen días despois da súa destrución, a asociación que leva anos reclamando a declaración de parque natural denuncia que, en todo este tempo nin se fixo ningunha detención nin se avanzaron nas investigacións. Acusa á Xunta de non ter incrementado a protección e os investimentos na zona e tamén de non ter pagado as indemnizacións á veciñanza afectada, tanto nas súas propias vivendas como nas explotacións gandeiras ou nos bancos marisqueiros. 

Segundo denuncian desde a asociación, a palla que a Xunta trasladara á zona para peneirar desde o aire cunha nova técnica para evitar as escorrentías acabou, xa a piques de se apodrecer, sendo utilizada para labores do campo pola veciñanza. O mesmo aconteceu, ao seu dicir, co voluntariado enviado pola Xunta, que desapareceu poucos días despois. 

Sen haber detidos nin avances na investigación, Monte Pindo Parque Natural, sinala xa pasados os cen días de cortesía, os responsábeis da catástrofe que son, a comezar por Alberto Núñez Feijóo e finalizar pola deputada do PP natural de Carnota, Marisol Piñeiro Martínez, deixando polo medio desde o conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández ate a de Medio Rural Rosa Quintana pasando por outros cargos intermedios da administración da Xunta. “ O único que fixeron é dicir que os veciños tivemos a culpa insultando aos milleiros de veciñas e veciños de Carnota, Dumbría e Mazaricos que vivimos nos lindes do Olimpo Celta. 15 días despois aínda non pediron perdón.

comentarios