O PP responde con represión policial o protesto do cerco

Cargas de antidisturbios, barricadas a poucos metros da Cámara galega, enfrontamentos, identificacións e detencións a eito, agresións de policías a deputadas... O protesto do sector do cerco na capital de Galiza non tivo resposta da consellería do Mar. Tívoa da delegación do Goberno español en forma de ducias de antidisturbios.

marinheiras
photo_camera CC BY-SA Sermos Galiza

"Nosotros también queremos comer, señora. Usted no se meta en esto". Foi a resposta que deron os antidisturbios á deputada do BNG Montse Prado cando, canda o voceiro parlamentar da formación frontista, Francisco Jorquera, se puxo no medio para impedir que entre seis policías levasen arrastrado un mariñeiro.

Era só o comezo dun duro enfrontamento entre @s traballador@s do cerco e os antidisturbios que decorreu por todas as rúas da contorna de Compostela e que se saldou coa detención de tres mariñeiros e a identificación de ducias deles. 

Empurróns contra tres deputadas

Os confrontos encetaron por volta das doce do meiodía, cando até 12 furgóns de antidisturbios cortaron a rúa do Hórreo, onde se ubica o Parlamento galego, en ambos os dous sentidos, impedindo o acceso a ela. Após tratar a empurróns tres deputadas do BNG --Montse Prado, Carme Adán e Tereixa Paz--, agardaron a que a peregrinación d@s traballador@s do mar que se manifestaran en San Caetano chegasen a pé do Parlamento. 

Nun primeiro momento, unha sorte de pacto verbal evitaría as cargas policiais se @s mariñeir@s non se movían do seu emprazamento, no lateral superior do edificio parlamentar. Porén, e malia isto, xa se produciron daquela os primeiros enfrontamentos.

Unha delegación de traballador@s conseguiu entrar na Cámara, onde fican encerrados até que Feijóo non @s reciba. Esixen a demisión do ministro español de Pesca, Arias Cañete, e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, mais rexeitan reunirse con ela. A única xuntanza que aceptan é con Feijóo.

O mar estoupa aos pés do Parlamento

Namentres, @s mariñeir@s concentrad@s fóra comezaron a construír unha sorte de 'barricada' con colectores do lixo. Os antidisturbios preparáronse para cargar. E cargaron. Unha vez. E outra. E máis outra. Porén, @s traballador@s conseguiron despregarse e fixéronse fortes na Praza do Doutor Ponte Castro, situada na confluencia das rúas República Arxentina e o Hórreo.

Foi aquí onde mudaron as cousas. A cada tentativa de avance dos antidisturbios, @s mariñeir@s respondían con pedras, botellas e berros de "Mercenarios!". O primeiro detido foi un traballador que atoparon só, a quen arrastraron entre seis antidisturbios.

Foi entón cando o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e a deputada da formación frontista Montse Prado intentaron impedir a malleira que lle estaban a propinar ao mariñeiro. "Só queren comer. Non se pode tratar así as persoas", replicou Prado, quen recibiu a cambio unha contestación de "usted no se meta, señora" e tres porrazos nas pernas. A Jorquera quitárono a empurróns do cenario onde o traballador continuaba deitado, queixándose dos golpes. 

Pelotas de goma até na contorna parque infantil con crianzas

Produciuse aquí a segunda detención, a doutro mariñeiro que se achegou para coñecer o estado do seu compañeiro e, ao velo, esixiu que deixaran de mallar nel. "Xa o tedes no chan, que máis queredes? Pegádelle un tiro!", berrou contra os antidisturbios, quen responderon agarrándoo e conducíndoo para o furgón policial para o identificaren.

A cada tentativa de avance dos antidisturbios, @s mariñeir@s respondían con pedras, botellas e berros de "Mercenarios!"

Para daquela, os confrontos xa se espallaran por toda a zona nova, con cargas e identificacións aleatorias mesmo dentro dos estabelecementos hostaleiros. Na mesma Praza do Doutor Ponte Castro comezaron a disparar bólas de goma e, segundo relatou unha testemuña a Sermos Galiza, "lanzaron pelotas até na contorna do parque infantil". 

"Cando nos viron gravando recolleron axiña todas as pelotas e marcharon", acrecenta. A muller tamén é traballadora do mar e partillou con este xornal as imaxes que gravou no parque que está detrás do Parlamento, imaxes que a TVG non quixo "porque non llas ían deixar emitir", segundo ela propia contou após ofrecerllas a unha xornalista da televisión pública.

Comentarios