A deputada do BNG Montse Prado, en urxencias após ser vítima da carga dos antidisturbios

A parlamentar do Bloque acudirá a uxencias por mancaduras nas pernas e afirma que presentará denuncia pola "carga desproporcionada, non só contra min", sinalou, senón "contra tod@s". Vídeo no interior.

IMG_9715
photo_camera [CC BY-SA Sermos Galiza]

A deputada do BNG, Montse Prado, asegurou en declaracións a Sermos Galiza que acudirá a urxencias após recibir "uns cantos porrazos" por parte das forzas policiais. Neste senso, Prado confirmou a este medio que presentará unha denuncia polo tratamento recibido "non só cos mariñeiros tamén durante a concentración dos alcaldes" cando varias deputadas do BNG --Tereixa Paz, Carme Adán-- e o portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, foron empurrad@s polos axentes. 

"O que aconteceu cos mariñeiros foi un ataque indiscriminado", conta a deputada do Bloque quen rexeita recibir un tratamento especial "por ser parlamentar", subliña. "Estaban cargando contra todo o mundo, contra min coma contra calquera outra cidadá".

A parlamentar nacionalista, que se atopaba na manifestacións convocada pola frota do cerco, foi mallada polos axentes ao lles recriminar o tratamento que estaba a recibir un dos detidos. "Parece que non tratan con persoas", díxolle Prado ao axente, quen lle respondeu: "estamos aplicando el protocolo". 

)

O BNG pide que se interrompa a sesión parlamentar perante as cargas e o PP oponse

Montse Prado considerou "tremendo" que o Partido Popular non se avise a interromper a sesión parlamentar. "Desde o BNG pedimos unha cuestión de orde e solicitamos a convocatoria dunha xunta de portavoces para demandarmos que cesasen as cargas policiais", explica a deputada. Porén, o Partido Popular rexeitou adiar a sesión. "Como diante do que estaba a acontecer se pode seguir con normalidade?", preguntouse a parlamentar do BNG, "os mariñeiros só queren comer, levan meses sen poder ir ao mar, sen gañar un euro", denunciou Prado. 

Após a negativa do grupo maioritario os grupos parlamentares do BNG, AGE e a deputada do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, abandonaron a sesión en sinal de protesto pola actuación policial e do goberno galego. 

Suspendida a sesión parlamentar perante o protesto da oposición

A deputada nacionalista asegurou que "o Parlamento ten que actuar e non quedar á marxe cando están cargando fóra", insistiu. A presidenta da Cámara suspendeu a sesión após decaeren as cinco proposicións iniciativas que serían debatidas esta tarde logo de que BNG e AGE abandonaran o Pazo do Hórreo.

O pleno foi suspendido após a saída da Cámara d@s deputad@s do BNG, AGE e Grupo Mixto

Os mariñeiros e armadores exixen manter unha reunión co presidente da Xunta de Galiza do que queren "un compromiso firme" para presionar a Madrid e reclamar un reparto das cotas "xusto". Segundo as fontes consultadas por Sermos Galiza, a delegación do cerco rexeita reunirse coa conselleira do Mar, Rosa Quintana. 

O BNG pide a comparecencia do ministro de Interior e exixe a demisión de Suárez

As deputadas da organización frentista nas Cortes españolas demandaron a comperecencia do ministro español de Interior, Jorge Fernández díaz pola “brutal e desmesurada actuación policial contra mariñeiros do cerco, preferentistas, cidadáns en xeral, e alcaldes e parlamentares, diante do Parlamento galego esta tarde”.

Para a parlamentar do Bloque, Rosana Pérez , "o grao de represión policial é propio de tempos pretérixos" e insta o executivo de Madrid a render contas. Asemade, a organización nacionalista solicitou a demisión do delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez.  

Comentarios