"Os mariñeiros do cerco teñen que gañar a vida no mar e están a piques de quedar sen medio de vida"

Andrés García, patrón maior de Sada, explica polo miúdo o conflito da frota de cerco galego. Sen poder saír ao mar, a piques de se aprobar un sistema de reparto que coidan "inxusto," intensifican a súa loita e sinalan os responsábeis da "ruína" de armadores e mariñeiros: Bruxelas e Madrid.

galiza contrainfo
photo_camera Manifestación na Coruña [Imaxes: @galizacontrainfo]

Após dúas xornadas en que os mariñeiros da frota do cerco intensificaron a súa loita, conversamos con Andrés García, portavoz da frota e patrón maior de Sada. De antemán di que armadores e mariñeiros saben que "o problema vén da sinatura da estabilidade relativa", un acordo entre Madrid e a UE que deixou a Galiza xa nos anos 80 cunha cota de capturas inferior á súa actividade pesqueira. Agora reclaman cando menos, que "a cota que lle corresponde a Galiza sexa xestionada polos galegos" e repartida "de maneira lineal entre os tripulantes das embarcacións". 

Que é o que está a acontecer coa frota de cerco? Cal é a orixe do conflito?
O conflito vén por un pre-acordo no reparto de cotas ao que se chegou en Madrid. Ás catro comunidades do Cantábrico noroeste concedéronselle unhas cotas que non nos parecían boas, mais foi o único ao que se puido chegar en Madrid. A raíz diso cheganos un reparto individual por embarcación que asigna cotas por barco co cal moitos deles quedan case sen posibilidade de pesca. De se levar a cabo o reparto de contas individual por embarcación é imposíbel manter a actividade e facer rendíbeis as empresas. Iso é o que motiva as protestas. Aliás, do que se trataba era de que, cando menos, a cota que lle correspondía a Galiza fose xestionada de maneira conxunta entre os galegos, como acontece en Euskadi e Cantabra. Mais, bon, a maioría quere porén hai barcos [20-25 dunha frota de máis de 120] que nese reparto levan algo máis e din que non quere repartir, é dicir, rexeitan unha bolsa común da que tirar todos os galegos. 

Canto lle tocaría a un barco galego con este reparto individual?
Desde barcos con 200 kilos de peixe de cada especie a barcos que teñen entre 40.000 kilos de xarda e cento pico de xurelo. Pouco para manter unha actividade boa en termos de rendibilidade. 

Cal é o posicionamento da Xunta de Galiza?
A posición da Xunta non a coñecemos moi ben. En Cantabria, por exemplo, someteuse a votación e o que saíu apoiado pola maioría foi o que se defendeu en Madrid: Así, o que decidiron foi o reparto das especies linealmente entre todos os barcos [de maneira equitativa]. 

"A maioría da frota de cerco demanda un reparto lineal de todas as cotas por tripulante entre os que conforman o Noroeste porque é o criterio máis xusto"

Por que a Xunta non o apoia?
A Xunta non está a apoiar á maioría que demanda un reparto conxunto. Esta é a única maneira de que desapareza a proposta de reparto individual. Que se tiver en conta a cota a nivel galego, que a xestionase Galiza e que saquemos de diante ese borrador. No entanto, de calquera maneira, os mariñeiros séntense moi discriminados no reparto, moi prexudicados porque lles toca na cota de cabala, por exemplo, a Euskadi o 48,11% mentres que Galiza leva o 24,87%. 

A que se debe esa diferenza?
Porque os criterios de reparto atenden máis aos criterios históricos de captura [representan o 70%] que ás dependencias socio-económicas. A maior parte da frota galega leva sen capturar xarda desde 2007 porque esa pesquería entra primeiro polo Cantábrico e cando chega ás nosas costas xa está esgotada. Desta maneira, os históricos de captura nosos desapareceron. Mesmo sacamos barcos que soben a costeira arriba. 

Estes días algúns dos mariñeiros de cerco máis novos que viñan de mercar súa embarcación nos últimos anos --xunto coa compra de aparellos e a contratación de máis mariñaeiros-- denunciaban a falta de recursos económicos para facer fronte ao pagamento do diñeiro adebedado, arredor de 600 mil euros nalgúns casos, dicían que van a pique...
Claro! Como non van ir a pique se non hai cota para pescar? Xa tivemos unha redución do 28% do xurelo imposta por Bruxelas na zona norte, que é a forte de Galiza. Se aínda por riba a cota que hai se reparte así [de maneira individual por embarcación] o que ven os armadores non é que non teñan futuro, é que se ven na ruína. En síntese, ese é o motivo destas mobilizacións. E os mariñeiros vense sen medio de vida. Estamos a falar de 1.200-1.300 persoas que viven do mar, xunto coas súas familias e as repercusións en terra. 

"A maior parte da frota galega leva sen capturar xarda desde 2007"

Estes días intensificouse a loita con accións en Vigo e A Coruña, houbo resposta por parte da administración?
De momento non temos resposta de ninguén. O 8 de marzo haberá unha nova xuntanza de armadoras na que tentarán nomear unha comisión para negociar con eses barcos que non queren entrar no reparto común, procurar un acordo con eles e polo menos, gañaríase unha das batallas. A outra é tentar mudar ese reparto. Pois a maioría da frota de cerco demanda un reparto lineal de todas as costas por tripulante entre todos os que conforman o Noroeste porque é o criterio máis xusto, cando menos así o entende a maioría, de repartir calquera cousa. O mesmo ten que ter un galego, un cántabro, un asturiano que un basco. Non pode ser que a un mariñeiro galego lle toque 1 xarda e a un basco 4. Iso o que non entra na cabeza de todos nós. Pensamos que é inxusto completamente. 

Esta situación vén por unha Política Pesqueira Común deseñada desde Bruxelas, aplicada por Madrid, cal é a opinión dos mariñeiros galegos?
Nós sabemos que o problema vén da sinatura da estabilidade relativa [isto é,o principio reitor na distribución das cotas pesqueiras aprobado coa adhesión do Estado español á UE e no que a Galiza se lle asignou unha capacidade de capturas moito inferior á da súa actividade pesqueira. A situación actual devén dos acordos de adhesión comunitarios negociados, na altura, polo goberno español]. Ese é o principal problema. Se houber peixes para todos non estariamos falando de reparto nen de nada, pescariamos como toda a vida. O problema é que a cota é moi pequena. Aliás, esquecíaseme lembrar que se está a pagar unha sanción por exceso de pesca do ano 2010 e 2012 na xarda de 7 mil toneladas anuais. Esa sanción estase a descontar do global, cando os galegos non a cometeron [non capturan xarda desde 2007, ou fano en mínimos].

"Nós sabemos que o problema vén da sinatura da estabilidade relativa", sinala en relación aos Tratados de adhesión do Estado español na UE

De maneira que no conxunto da cota do Cantábrico noroeste, primeiro descóntase a multa e despois repártense as cotas entre os barcos das distintas comunidades. E nós non tomamos parte desa sobrepesca porque levamos toda a vida autorregulados, desde hai 30 anos [a frota galega fixou para si propia e co acordo da maioría do sector topes de captura inferiores aos legalmente estabelecidos para procurar reducir a caída dos prezos]. Tamén por iso non temos tantos históricos porque nos autorregulamos. 

Os ánimos están quentes, que prevén os mariñeiros se non se soluciona?
A xente está moi mal. Os mariñeiros teñen que gañar a vida no mar e, imaxina, despois do inverno que levamos aínda por riba que veñen uns días de bo tempo, ter que estar de mobilizacións para reivindicar os seus dereitos. Agardo que se solucione axiña, que saian pescar que é o noso medio de vida e senón [suspira] non sei que acontecerá aquí.  

Comentarios