Un mes de lumes case ininterrompidos. Os incendios forestais arrasaron xa no que vai de ano cerca de mil hectáreas na Galiza, unha superficie de terreo equivalente á metade da que ardeu en 2014.
Dende que o 10 de marzo rexistrara o primeiro lume do curso na localidade de Carballeda de Valdeorras, ao pé de Pena Trevinca, o monte galego non deixou de prender antes do inicio da primavera.
A falta de persoal de extinción, a meteoroloxía adversa e as queimas descontroladas sitúanse de novo como as principais causas. De feito, os incendios de maior magnitude rexistrados durante estas semanas tiveron varios focos.
A falta de persoal de extinción, a meteoroloxía adversa e as queimas descontroladas sitúanse de novo como as principais causas
O máis importante aconteceu en Ponteareas, onde arderon 350 hectáreas. A Xunta tivo que pedir a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para controlalo.
Tamén cobraron a primeira vítima mortal. Un veciño de 63 anos da vila coruñesa de Trazo faleceu nas proximidades dun incendio declarado en Santiago. O último lume foi controlado este sábado en Ourol, após arrasar 35 hectáreas.
A CIG esixe o 100% do persoal
“A Consellería do Medio Rural, que ten a competencia en materia de prevención e extinción de incendios, ten a obriga de evitar que os montes sufran a lacra do lume, para o cal necesítase que o operativo teña o cen por cen dos seus recursos”, asegura a CIG nun comunicado.
A central sindical pediu á Xunta que tome medidas ante “a situación extremadamente perigosa” que se espera polas altas temperaturas. Sinala que hai centos de prazas valeiras no servizo de extinción que non foron cubertas.
A metade de hectáreas que en 2014
En menos dun mes, a superficie queimada equivale a metade de hectáreas que arderon o pasado ano (2.000 segundo cifras oficiais). 2014 foi un ano bo en comparación cos anteriores. En 2013 prenderon máis de 19.000 hectáreas, aínda que lonxe das 96.000 de 2006, o peor ano da década.
Malia que o número de incendios segue á baixa no rexistro histórico, a tendencia augura que este será un curso difícil. Haberá que agardar até despois do período estival para coñecer as cifras definitivas.