Nas Encrobas, no lugar de Pontoxo no que está a igrexa e o busto en lembranza de Moncho Valcárce comezará a homenaxe popular na lembranza do crego nacionalista cando se fan vinte anos da súa morte. De aí naceu o nome polo que será sempre coñecido, o “crego das Encrobas”. Ninguén esquece que o párroco se puxo á par da veciñanza para defenderen os dereitos sobre a súa terra, fronte á vontade de arrasalas de Fenosa.
Unha ofrenda floral no monumento dedicado a Moncho Valcarce ás 12 horas cunha homenaxe poética-musical na que intervirán Pilar Pallarés, Manuel Lugrís, Xosé Fraga, Xulio L. Valcarce, Ramón Vilar, Xosé´se Elías Ramil, Baldomero Iglesias, Luis Liñares coa música de Xosé Taboada mais a gaita de Xosé M. Ares interpretando o himno galego dará paso a un xantar de irmandade no propio lugar.
Moncho Valcarce defendeu os dereitos de labregos e labregas nas Encrobas.
Á tarde desenvolverase a entrega dos Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra a Manuel Lugrís Rodríguez e o Museo do Pobo Galego nun acto que incluirá a dedicatoria a os todos os premiados e as actuacións das pandereteiras das Encrobas, Lydia Botana “Bolboreta”, César Morán, Paco Campos, Xosé Taboada e A Quenlla. Nun local próximo poderán verse videos e diversos materiais relacionados co cura das Encrobas.
Moncho Valcárcel iniciouse na militancia nacionalista na AN-PG, sendo candidato ao senado nas eleccións do 1977 polo BN-PG, formación pola que sería concelleiro en Culleredo, na segunda corporación xa como membro do BNG. Desenvolveu un amplo e intenso labor no sindicalismo nacionalista desde as Comisións Labregas.
A súa personalidade solidaria e revolucionaria fixo que fora un dos protagonistas, á carón da veciñanza no conflito das Encrobas, cando a empresa Lignitos de Meirama quixo arrebatar as terras ás labregas e labregos aproveitando un decreto asinado por Franco. Moncho Valcárce levaría xa para a historia o nome de crego das Encrobas, a parroquia na que foi detido en 1977 por defender os dereitos dos que traballan a terra.