Guillerme Vázquez reclama situar a soberanía no centro do debate para saír da crise

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez reclamou a necesidade de que a defensa da soberanía pase a primeiro plano do debate político co fin de “acadar un futuro digno para as maiorías sociais”. Coa súa intervención puxo fin á conferencia na que participaron Oriol Junqueras de ERC e Ian Hugdton do Partido Nacionalista Escocés.
Guillerme Vázquez canda Oriol Junqueras e Ana Miranda
photo_camera Guillerme Vázquez canda Oriol Junqueras e Ana Miranda


Na súa intervención, Guillerme Vázquez reivindicou a soberanía real para a nación galega xa que, ao seu ver, “a actual dependencia de Galiza é precisamente unha das claves do desastre económico e social que está facendo desaparecer os nosos sectores produtivos”. Diante do que chamou “silencio premeditado” convidou a transladar o debate á sociedade, como está a facer o BNG que participou onte nas concentracións en todo o país e convoca para o día 3 de marzo a manifestación a favor da soberanía canda outras forzas políticas, sindicais e sociais. Referiuse Vázquez á desestimación por parte da mesa do Congreso dos Deputados da iniciativa sobre soberanismo presentada polo BNG, ERC e Amaiur co veto do PP e o silencio das demais forzas políticas estatais.

Desta maneira, pasar a defensa da soberanía a primeiro plano como medio para saír da crise foi a tese que defendeu Guillerme Vázquez no peche da conferencia “Soberanía nas nacións europeas sen Estado” na que participaron, convidados polo BNG, o líder de ERC, Oriol Junqueras, o presidente do Partido Nacionalista Escocés, Ian Hugdton, o eurodeputado do Partido Nacionalista Corso, François Alfonsi e a eurodeputada Ana Miranda, representantes de forzas integrantes na Alianza Libre Europea. (ALE). O soberanismo como dereito a decidir o propio futuro é o elemento común a todas as forzas nacionalistas que integran a ALE, como defenderon nas súas intervencións Hugdton, Alfonsi e Miranda.

Estado propio para Cataluña

“Queremos contar coas mellores ferramentas posíbeis para decidirmos o noso propio futuro, e esas ferramentas son as que teñen os estados, como por exemplo a capacidade de recadar os impostos e decidir en que se gastan”, defendeu o líder de ERC, Oriol Junqueras, na súa intervención que centrou no dereito de Cataluña e outras nacións como Galiza a teren un Estado de seu. Diante dun Estado que “sistematicamente actúa en contra dos nosos intereses colectivos” avogou polo dereito das nacións a se converteren en estados; ao seu ver, un proceso nada extraordinario, xa que, segundo anotou, “a metade dos estados europeos actuais se proclamaron no século XX”. Oriol Junqueras rematou a súa intervención afirmando que, sen saber cando, si ten a certeza que Cataluña conseguirá algún día ter un estado propio.

Comentarios