Francisco V. Vizoso: “A privatización leva a unha sanidade para ricos e beneficencia para a maioría”

Segunda e terza feira hai folga na sanidade galega, convocada por CIG, CCOO, e CESM-O´mega. A plataforma cidadán “SOS-Sanidade Pública” participará nas manifestacións que están convocadas para a terza feira á tardiña, en defensa dunha sanidade pública universal, de calidade e gratuíta. O portavoz da Agrupación Médica da CIG-Saúde (AgM-CIG) e membro de SOS-Sanidade Pública, Francisco Vázquez Vizoso afonda nas razóns que explican a folga.

Francisco Vizoso
photo_camera Francisco Vizoso

-Que razóns levan a que o persoal da sanidade pública convoque dúas xornadas de folga?

Chégase á folga despois de ano e medio de agresións continuadas, de recortes, reducións de cadros de persoal, rebaixas retributivas, ... e logo da percepción clara que ten a grande maioría do persoal da sanidade pública de que asistimos ao seu desmantelamento como servizo universal, de acceso gratuíto e con vocación de calidade. A visión dominante é que estamos a avanzar nun proceso de privatización sanitaria que procura o establecemento dunha sanidade de calidade para os ricos, mentres reserva unha sanidade de beneficencia para a maioría da poboación.

-Desde dentro do sistema sanitario, en que ámbitos se aprecia con maior claridade o proceso privatizador?

Asistimos a un proceso progresivo de “externalización”, que é unha das maneiras que teñen de lle chamar á privatización, que até agora viña afectando a ámbitos non relacionados directamente coa asistencia sanitaria como a lavandería, limpeza, loxística, ... Mais agora estase a dar xa unha ofensiva privatizadora contra elementos do núcleo duro do sistema, as probas complementarias, a alta tecnoloxía e a asistencia sanitaria en sentido estricto. O SERGAS ten pendente de resolver un concurso inédito de “diálogo competitivo” para avanzar na privatización da xestión da alta tecnoloxía, por un valor de 83 millóns. Isto significa, avanzar na privatización non só da xestión cotiá da alta tecnoloxía senón tamén que o SERGAS renuncia á planificación estratéxica desa alta tecnoloxía sanitaria. O SERGAS saca o concurso partindo do presuposto de que non ten capital de coñecemento suficiente para decidir o que precisa e que necesita un “socio tecnolóxico” para que lle diga que ten que facer. Isto é un insulto para os profesionais altamente capacitados que ten o SERGAS. Presentáronse tres empresas (General Electric, Siemens, Philips) e unha delas será a que se fará coa xestión da alta tecnoloxía da sanidade pública galega. Operan desta maneira cando experiencias como as de Valencia xa demostraron que deixar estes ámbitos en mans privadas ten riscos e encarece a xestión. Poño por caso, o número de TACs que se fan cando a xestión é privada. Está demostrado que ese número é claramente superior a cando a xestión é pública, e moitas desas probas a maiores son claramente innecesarias e en absoluto exentas de risco para os pacientes.

-Como lle afecta a traballadores e traballadoras da sanidade ás chamadas Áreas de Xestión Clínica (AXC)?

En esencia son un intento de trasladar ao persoal as decisións dos recortes, ofrecéndolles incentivos. Se os recortes os fan os políticos son impopulares polo que tentan que sexan os profesionais quen os fagan a cambio de incentivos. O SERGAS vai crear en cada Área Sanitaria, un mínimo de tres Áreas de Xestión Clínica (AXC) con autonomía financeira e ofrece reverter nos profesionais unha parte do aforro que consigan. Para nós, ligar incentivos a aforros é deontoloxicamente rexeitábel. Pregúntome que poden opinar os pacientes do feito de que os médicos se podan beneficiar directamente dos recortes ou aforros que fagan no seus diagnósticos ou tratamentos. Queren comprometer os profesionais na política de recortes. Os incentivos na sanidade público deben estar estar ligados a resultados de saúde, e nunca a aforros puros e duros.

Ademais, as AXC que o SERGAS pretenden crear poden ser, para os traballadores que se inclúan nelas, a antesala para a perda do seu carácter estatutario e da súa conversión en persoal laboral. No DOG do 25 de xullo de 2013 saíu publicada a modificación lexislativa que permite a privatización das AXC, e malia que o SERGAS repite que non pensa utilizar esa opción privatizadora, a realidade é que o cambio lexislativo está feito e a posibilidade de privatizar as AXC é unha realidade por moito que digan que polo de agora non pensan facelo.

- A Lei de Garantías Sanitarias afonda na privatización?

Contribúe ao mesmo proceso. Contempla unha proposta que se sabe de sobra que é incumpríbel. É impensábel que cos recursos actuais se poda cumprir cunha lista de espera de cirurxía de menos de 60 días e de 45 en probas complementarias ou consultas; isto só tería credibilidade incrementando os recursos da sanidade pública, poñendo traballar os hospitais pola tarde, ... e o SERGAS non propón nada diso, senón que pola contra está introducindo recortes de todo tipo. En realidade, é so unha escusa para desviar os pacientes á privada. Ademais a medida é fondamente insolidaria pois quen teña os cartos para adiantar o diñeiro poderá avanzar no seu diagnóstico ou tratamento, algo que non poderá facer quen non teña o diñeiro suficiente.

-Na folga, ademais dos dereitos laborais, inclúense demandas como a eliminación do repagamento dos fármacos de dispensación hospitalaria.

Esta é unha folga na que en realidade as demandas laborais non son o compoñente principal. Entre os motivos da folga, pódese ver que o fundamental é a defensa dunha sanidade pública universal, equitativa e de calidade, e que se rexeitan os recortes; só hai un punto referido á mellora das condicións laborais. Así a folga ten como motivo fundamental a defensa da sanidade pública e por esta razón organízanse tamén manifestacións para o martes en todas as cidades e vilas importantes nas que hai hospitais, para que a poboación en xeral tamén participe na protesta.

-Como médico, considera que o repagamento farmacolóxico supón un aforro para o sistema?

Trátase dunha teima sen xustificación económica. Os custes asociados a posta en funcionamento do sistema para cobrarlle a xente que reciba fármacos de uso ambulatorio nas farmacias dos hospitais, vai comerse o pretendido aforro que se afirma queren introducir. Os custes administrativos asociados ao repagamento van comerse a maioría do aforro pretendido. Realmente o que fan é penalizar a enfermidade. Estás enfermo, pois, ademais, vas ter que pagar máis..

-Como agarda que responda o persoal da sanidade pública á convocatoria?

Todo apunta a que a participación vai ser importante e sobre este tema é interesante resaltar que o SERGAS sistematicamente terxiversa os datos de participación, incluíndo a xente que está de mínimos – aproximadamente un 40% do cadro de persoal - entre os que non fixeron folga, o que ten como consecuencia unha clara infraestimación das cifras reais de participación.

Comentarios