Feijóo saca un 'coello da chistera': a Axencia Tributaria Galega

O presidente da Xunta afirma que así se vai recadar un 20% máis e sen aumentar os impostos

Núñez Feijóo
photo_camera Núñez Feijóo

Todo gran mago e prestidixitador ten un truco á altura das circunstancias. E se esas circunstancias ( récord de desemprego, graves recortes nos servizos públicos, dependentes sen prestación ou pauperización da poboación da Galiza) se lle botan en cara nun debate parlamentario con luz e taquígrafos, un bo mago sabe que para lograr o titular dos noticieiros terá que facer un anuncio “de sete estalos” que recúe a segundo plano a realidade. E iso fixo Feijóo na sesión de control do Parlamento galego. Sacou un coello da chistera. A creación dunha Axencia Tributaria Galega. E díxoo todo farruco: “Galicia "empeza a recoller os froitos" dunha política económica e social "seria" e por iso o executvo que preside dará luz verde á creación da primeira Axencia Tributaria de Galicia".

 Na sesión de control explicou, ademáis, que esta axencia tributaria permitirá recadar "un 20 por cento máis sen subir os impostos ao tempo que reivindicaba o aumento de prazas de escolas infantís e do número de dependentes atendid@s esta lexislatura e, de paso, cargou contra os "atrancos" de PSdeG e BNG.

 Para o BNG, as declaracións de Feijóo son simplemente outro “anuncio baleiro”. A voceira nacionalista, Ana Pontón, sinala neste sentido que nun contexto en que Feijóo é coñecido como o “gran recortador”, non é críbel que veña á Cámara a facer dous anuncios como o da Lei de Inclusión ou dunha Axencia Tributaria Galega, polo que lle pediu que deixe de autoenganarse e de enganar aos galegos e galegas, asuma a realidade e “amósese disposto a mudar, pero mudar de verdade".

 Para a parlamentaria, é responsabilidade do presidente poñer medidas enriba da mesa para mudar a situación e se non está disposto a facelo “o mellor servizo que lle poder prestar a Galiza é marcharse”. A voceira nacionalista preguntouse que máis ten que pasar para que o presidente da Xunta se dese conta da gravidade da situación e de que está arruinando Galiza. “Vostede fiou toda a estratexia á política de recortes sociais, a desentenderse de buscar solucións para sectores estratéxicos como o naval, paralizar outros sectores tamén moi importantes para o desenvolvemento da nosa economía como o eólico ou permitir que se venda Nova Galicia Banco a 1 euro”.

Comentarios