Feijóo reivindícase herdeiro do “testamento político” que é “Sempre en Galiza”

Apenas seis días despois de que optase polo "Castelao humanista" e non o político no discurso de entrega das medallas que levan o seu nome, Feijóo deu un xiro para reivindicarse herdeiro do "testamento político" que é o Sempre en Galiza no acto institucional que conmemorou o setenta aniversario da súa publicación no exilio de Bos Aires. 

Acto conmemorativo do 70 aniversario de Sempre en Galiza
photo_camera Acto conmemorativo do 70 aniversario de Sempre en Galiza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo reivindicouse herdeiro do Sempre en Galiza de Castelao, o libro que definiu como “testamento político” da xeración que renovou a cultura galega, modernizou o idioma e creou o galeguismo democrático, no que se inseriu no discurso do acto que conmemorou no Parlamento o setenta aniversario da publicación da obra no exilio do seu autor en Bos Aires. 

Sempre en Galiza é un regalo que Castelao nos fixo tamén a todos os galegos. Facelo refén da Galiza de onte ou dunha única parte da Galiza de hoxe é non entender a liberdade pola que el tanto loitou”, defendeu Feijóo para argumentar a súa condición tamén de “herdeiro” dunha época que, se ben naceu nunha Galiza distinta á de hoxe, aínda está, segundo dixo, vixente, como o están os textos clásicos. Ese país novo está construído, para Feijóo, “coa argamasa” do ideario de Castelao. 

“Sempre en Galiza é un regalo que Castelao nos fixo tamén a todos os galegos. Facelo refén da Galiza de onte ou dunha única parte da Galiza de hoxe é non entender a liberdade pola que el tanto loitou”,dixo Feijóo

Galiza “é un país mellor grazas aos que, como Castelao, fixeron callar a idea de que podía selo”, dixo Feijóo que valorou a necesidade de aproveitar a data para poñer en valor a herdanza de Castelao de cara ao futuro. Aplaudiu, neste sentido, o proxecto do Consello da Cultura, a Editorial Galaxia e a Fundación Castelao, xunto coa colaboración do Parlamento e a Universidade de Santiago, de pór a andar unha aplicación móbil da obra de Castelao cara á mocidade, para “involucrar” as novas xeracións no “proxecto dunha Galiza en constante progreso”. 

“De todos os galegos”

Na lectura que Feijóo defendeu da obra política de Castelao atópase o devezo por unha Galiza culta, consciente do seu patrimonio e das súas potencialidades, conectada a Europa, con medios para decidir en liberdade e con voz propia no mundo. 

Insistiu Feijóo en que Castelao é unha figura “de todos os galegos”. “Todos nós somos depositarios dun legado privilexiado. Estou seguro de que as mulleres e os homes do mañá, como os de hoxe, saberán aproveitalo”, dixo no final do seu discurso.

Feijóo preséntase como herdeiro do "testamento político" de Castelao apenas seis días despois de escoller na entrega das medallas que levan o seu nome o “Castelao humanista”, por riba da súa condición política, o persoeiro que, "sen descualificacións" e “amabelmente” quería ·incorporar os galegos a un galeguismo aberto e facer da autonomía unha casa de todos. Naquela ocasión, o presidente da Xunta empregou a expresión "os caprichos da historia" en referencia ao golpe militar de 1936, circunstancia que, segundo dixo, fixo "que eses ideais non se cumprisen na desafortunada República que viviu, senón na Monarquía que chegaría despois da longa noite de pedra”, en referencia ao 1984. Cumpríanse nese día tamén anos do traslado dos seus restos desde Bos Aires, data que se lembra pola histórica mobilización do nacionalismo que lembraba que Castelao dixera que non quería voltar en tanto Galiza non for unha nación liberada. 

Comentarios