Feijóo contratou empresas de Dorado cando xa fora condenado por narcotráfico

A Xunta de Galiza facilita á presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, as cifras do diñeiro público adxudicado mediante axudas e contratos a firmas ligadas ao arousán, con quen o titular do Goberno galego se fotografou en 1995. Nese ano houbo pagamentos por valor de case 36.000 euros

photo_camera [Imaxe: El País]


Empresas vinculadas a Marcial Dorado terían recibido da Xunta de Galiza axudas por valor de 5.110 euros na primeira lexislatura de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galiza, segundo os datos facilitados polo propio goberno galego á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, esta sexta feira, após unha pregunta parlamentar formulada polo grupo de AGE. Nesa altura, o contrabandista arousán fora xa xulgado e condenado a catorce anos de prisión por un delito de tráfico de drogas, en virtude dunha sentenza ditada en novembro de 2009 e que o Tribunal Supremo ratificou en maio de 2011. 

Por a contía antes sinalada (5.110,17€), a Consellería do Mar formalizou seis contratacións con Efectos Navales Arousa para realizar "un estudo de viabilidade de repoboacións de rodaballo", "accións de investigación de minicriadoiros", "accións de investigación en cultivos multitróficos e en melloras do deseño e control de repoboación ollomol, rodaballo", "estudos e gastos menores repoboación rodaballo e lumbrigante", "un proxecto de investigación Iberomare" e "gastos de repoboación de especies mariñas". Así o dispón o informe remitido pola Xunta á imprensa esta sexta feira, por volta das seis do serán e ás portas da fin de semana.

162.344 euros dos gobernos do PP

En total, os gobernos do PP adxudicaron a firmas ligadas a Dorado un montante que ascende a 162.344 euros, dos cales a maior partida foi asignada na lexislatura de Fraga que cadra coas xa famosas vacacións de 1995 en que Feijóo se fotografou co narcotraficante a bordo dun barco propiedade deste último. Non foi a única viaxe que fixeron xuntos, segundo o propio presidente recoñeceu na Cámara galega. No concreto, entre 1993 e 1997, as empresas de Dorado Baúlde cobraron da Xunta 96.709 euros entre contratos e axudas. Nesa altura, Núñez Feijóo era vicepresidente e secretario xeral do Sergas (1992-1996) e a man dereita do conselleiro de Sanidade, Romay Beccaría.

Á marxe das consideracións achegadas polo PP, coas cales se quere destacar que desde que Feijóo chegou á Xunta foi cando máis se lles pechou o grifo a estas empresas, o certo é que no informe remitido á imprensa pode constatarse polo miúdo como en 1995 unha das empresas, Mitulo, recibiu 28.297,37 euros para a "construción dun barco auxiliar" para a Consellería de Pesca. No mesmo exercicio económico recibiu dúas axudas á contratación dende a Consellería de familia por importe de 3.667,81 euros para a empresa Xatevín; e 7.335,62 para Efectos Navales Arousa.

A seguinte lexislatura con máis pagamentos realizados a estas sociedades foi a de 1997-2001, con 54.209 euros repartidos en dous contratos asinados para a construción de tres bateas por 50.845 euros e para a "modernización dun barco auxiliar" por 1.560,35. Tamén se concedeu diñeiro para axudas á contratación cuxa destinataria foi a Inmobiliaria Marli; o montante ascenteu a 1.803,04 euros. 

Axudas do bipartito "para compensar danos por inundacións"

A inmobiliaria Marli foi tamén a destinataria dos 125.097 euros que lle adxudicou en 2007 o goberno bipartito, contra quen está dirixido o informe da Xunta ao sinalar que foi durante esta lexislatura (2005-2009) cando máis cartos recibiron as empresas do narcotraficante. Porén, son estas as axudas ás cales legalmente tiñan dereito as firmas vinculadas a Dorado para paliar os danos causados polas chuvias torrenciais rexistradas na Galiza en novembro de 2006. O diñeiro foi adxudicado pola consellaría de Innovación e Industria.

O mesmo departamento adxudicou outras dúas axudas (de 3.955,20 e 2.746,90 euros) Desta volta foron outorgadas á empresa Mitulo, no marco da convocatoria de subvencións para o fomento da propiedade industrial. Porén, non se chegaron a asinar nunca contratos con ningunha das catro firmas vinculadas co narcotraficante.

Comentarios