Feijóo comparece ante a imprensa despois de ter deitado dúbidas sobre Fraga

O Consello da Xunta realiza hoxe sesión ordinaria e, consecuentemente, Feijóo comparecerá ante a imprensa. Será a primeira vez que o faga despois de o pasado sábado deitar dúbidas sobre a xestión de Fraga.
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Este sábado, en Lalín, Feijóo dixo que el pouco podía dicer a respeito de como se financiaba o partido nos anos 90, pois "eu nin sequera era militante". Do "anterior" tiñan que dar conta os "anteriores", afirmou. O "anterior" era Manuel Fraga Iribarne, o presidente fundador.

Esta mañá preséntase, por tanto, unha nova oportunidade para Feijóo despexar non poucas incógnitas. Resta por saber se agora que xa non pon a man no lume por Fraga, a continúa pondo ou non por Rajoy. No guión feijoniano cara a empuñar o leme de Génova non hai plan B distinto ao de avalar a Rajoy. De todos xeitos, a laboriosa fontanería de Monte Pío procura fórmulas que permitan ao seu chefe non comprometer todo o seu crédito, na eventualidade de que novas revelacións fosen obrigar ao inquilino da Moncloa a abandonar supetamente.

A tese oficial do aparato conservador incorporou onte un novo argumento na boca do novo home forte, Alfonso Rueda. As contas do partido estarían limpas porque así o certifica o Consello de Contas após todos e cada un dos procesos eleitorais. É un pinchacarneiro dialéctico e ten a mesma consistencia que o anuncio por parte de Rajoy de que ía publicar as súas declaracións de renda e de patrimonio. É evidente que ningún partido presentaría ante o Consello de Contas ningunha contabilidade en negro. O aval do órgao fiscalizador non representa por tanto ningunha garantía (porque, de existiren, non tivo acceso ás contas B do partido).

É tamén a primeira comparecencia de Feijóo despois de que onte reaparecese Esperanza Aguirre, a quen se sitúa como rival do presidente do PPdeG na disputa polo liderado do partido no Estado. Aguirre apelou a unha abstracta rexeneración da democracia, sen acompañar ningunha proposta nova. Deixou caír, iso si, que caso de se confirmaren as piores noticias para o partido non habería máis remedio que ir a un congreso extraordinario.

Feijóo non se vai mover en absoluta nesa liña. O seu argumentario apenas diferirá dos fabricados en Génova.

Comentarios