Estábel dentro da gravidade a muller apuñalada en Castro de Rei pola súa parella

Segundo informou o alcalde, é a segunda tentativa de asasinato machista que protagoniza o home, pois xa fora denunciado pola súa ex-compañeira polos mesmos feitos. Desta volta, após facerlle un corte na xugular e deixala tirada á beira da estrada, suicidouse


Estábel dentro da gravidade. É o estado en que se atopa a veciña do lugar de Loentia, en Castro de Rei, que foi apuñalada na xugular polo seu compañeiro sentimental, quen a deixou tirada á beira da estrada para se suicidar despois. Así conta a veciñanza este novo episodio de violencia machista acontecido na Galiza. 

O home levaba só uns meses convivindo coa muller agredida e, malia que xa fora denunciado por malos tratos haberá por volta dun ano, cando a súa compañeira era outra muller á que tamén intentou asasinar, o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado (PP), dixo que "foi un feito inesperado" e "unha gran sorpresa para todos os veciños".

O rexedor razoou que, "aínda que se vise implicado noutro episodio, ningún espera que poida causar un desenlace deste grao". Acrecentou que "eran dous veciños coñecidos na zona, xente normal e de convivencia pacífica". A muller fica ingresada no hospital universitario Lucus Augusti. O seu estado é estábel dentro da gravidade.

Comentarios