“Emigrantes retornados” convoca a primeira manifestación nacional para este 5 de marzo

Esta cuarta feira desenvolverase na Coruña a primeira manifestación convocada pola Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados en protesta polas multas e sancións coas que Facenda está a protagonizar unha campaña de “persecución e roubo” contra o colectivo. Despois de teren que marchar do país para sobrevivir, denuncian que á volta reciban un trato de “estafadores”. 

Coordinadora de Emigrantes Retornados
photo_camera Coordinadora de Emigrantes Retornados

Calcúlase que están afectados por volta de 250.000 ou 300.000 aínda que nin eles e elas mesmo o saben. A media que se lle reclama en multas e sanción é por volta dos 3.000 aos 10.000 euros, cantidades inmensas para aquelas que sobreviven con pequenas pensións. Marcharon do país e non contaban este trato no retorno. Con cada unha que se fala a sensación é a mesma, desilusión e rabia pola falta de consideración dun colectivo que tivo que abandonar a terra para sobrevivir. Agora convocan a primeira manifestación nacional para esta cuarta feira 5 de marzo a partir das 11 da mañá, con saída na Praza de Vigo e destino no edificio de Facenda onde entregarán un escrito coas súas reivindicacións á Delgada Especial da AEAT de Galiza no que se incorporarán todas as sinaturas recollidas polas plataformas integradas na  Coordinadora Nacional Galega. 

"Non hai dereito que, despois da vida que tivemos que levar, se nos trate agora como estafadores”, di Xosé Lois Leirós.

Retornado de Suíza é Xosé Lois Leiros, xubilado que exerce como portavoz porque, di, é incapaz de aturar as inxustizas. É dos que aínda non recibiu a carta, esa misiva que reclama os cartos en dez días e ameaza con embargos aos [email protected], mais conta que chegue calquera día. “Ao comezo mandaron catrocentas xuntas ao Morrazo e o resultado foi que se montou a plataforma. Agora mandan aos poucos e dispersas por todo o país. Moita xente aínda non sabe que ten a multa mais o que si é certo é que a xente se asusta, fálanlle de embargo e tentan pagar de todas maneiras. Non hai dereito que, despois da vida que tivemos que levar, se nos trate agora como estafadores”, di Xosé Lois Leirós. 

Canto pode recadar Facenda con esta medida? “Nin se sabe. O pasado ano mandaron cartas a 10.000 persoas e este ano din que van mandar a 30.000. Se botas contas é unha millonada. Din que o pasado ano levaban recollidos xa catro millóns de euros”. 

"Golpea de maneira brutal"

Son persoas que xa están xubiladas, que pasaran por volta de 20, 30 ou 40 anos fóra, e voltaron á terra maiormente por volta dos noventa, segundo estima Leirós. “Moitos deles están tamén afectados polas preferentes porque eses produtos creáronse xusto cando se deu maior volta da emigración para se xubilar. Coñezo a persoas que sufriron as dúas estafas e están a enfermar. O dano moral non hai xa quen o pague”, di o voceiro da Coordinadora. 

“Neste país nunca se entendeu a emigración. É como se non existise cando hai un dato que di que en tres de cada catro casas galegas hai emigrantes"

“Se a unha persoa honesta lle chega, xa xubilada unha carta dicindo que é defraudador e que ten que pagar en dez días unha multa e sanción iso golpea de maneira tan brutal que non hai quen o repare e xa non ten remedio”, denuncia Leirós mentres di que Facenda non pode atopar a ninguén que pagara pola pensión no estranxeiro antes de comezar con esta campaña de multas e tampouco se fixo ningunha comunicación de que a situación ía mudar, o que tira por terra a idea de que defraudaran a mantenta. 

“Neste país nunca se entendeu a emigración. É como se non existise cando hai un dato que di que en tres de cada catro casas galegas hai emigrantes, que estamos marcado de por vida”, lamenta Leirós mentres comeza a contar casos de persoas que pasaron boa pate da súa vida en Suíza, Alemania ou Arxentina e que agora, ao seu regreso, están a padecer grandes necesidades. 

Na manifestación da Coruña reclamará máis unha vez mais desta volta con carácter nacional a revogación dos expedientes iniciados e a devolución do pagado. “É ademais de inmoral a imposición de sancións a un colectivo perceptor das pensións máis baixas despois de traballar toda unha vida no estranxeiro”, sinala a convocatoria da Coordinadora sobre a obriga imposta pola Axencia Tributaria para facer as declaracións dende o ano 2008 e pagar en só dez días. Reclaman tamén que se modifique a Lei para que a igualdade de trato para emigrantes [email protected] quede garantida. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Galiza
comentarios