venres 07/08/20

Os efectos do incendio aumentan no Pindo co abandono da Xunta

Cúmprense dous meses do incendio que arrasou o Monte Pindo e unha capa negra continúa despistada en zonas como o banco marisqueiro da Berberecheira. A veciñanza avisara e agora denuncian o abandono da Xunta que non puxo freo ao efecto das escorrentías. O próximo sábado comezarán a recuperar as zonas coas súas mans, lembrando o que aconteceu cando o Prestige botou o chapapote ás praias. 

 A recuperación do Pindo virá do voluntariado e en Carnota falan do moito que a situación se asemella a cando o Persige tinguiu as praias de negro e as mans voluntarias foron as que tiraron o chapapote. 

Malia teren avisado da gravidade da situación, os membros de Monte Pindo Parque Natural viron como as escorrentías producidas pola chuvia producían un desastre aínda maior aos efectos inmediatos do incendio. A Xunta nin estaba nin se lle agardaba xa co cal decidiron tomar da man a recuperación da zona e montar SOS Monte Pindo, unha iniciativa que ten convocado para o próximo sábado día 17 a primeira actuación na que o voluntariado se encargará da rexeneración da zona. 

"A acción da Xunta de distribución aérea de palla se executou nun 0,16% da superficie queimada, é dicir, 4 das 2.500 hectáreas. Despois diso, o abandono"

“A Xunta ignorou as nosas demandas, tamén as do concello de Carnota, accións básicas como o establecemento de barreiras ou balsas de contención non se levaron a cabo e o único que fixeron foi unha actuación espectacular botando palla desde o aire nas lareiras mais con só iso non era posíbel conter os efectos das escorrentías, non tivo eficacia ningunha”, explica Mario Maceiras, secretario de SOS Monte Pindo. Calculan que a acción da Xunta de distribución aérea de palla se executou nun 0,16% da superficie queimada, é dicir, 4 das 2.500 hectáreas. Despois diso, o abandono por parte da administración e os efectos visíbeis das escorrentías fan que a comparanza co Prestige, sucedido hai agora once anos, estea a flor de pel. 

Desde hai aproximadamente dúas semanas, as escorrentías produciron o desprazamento de toneladas de cinza e terra monte abaixo, afectando de maneira especial aos bancos marisqueiros de Carnota. “Ao da Berberecheira de Caldebarcos seguen chegando cinzas e está cuberto por unha capa duns 25 de espesor. A pesar do esforzo das marisqueiras non foron capaces de retirala e estase a solidificar como se sobre a area se puxera un pavimento. A consecuencia é unha retirada de osíxeno da auga que asfixia a produción marisqueira”, explica Mario Maceiras do proceso que están a vivir dous meses despois do incendio. Calcula que a capa de espesor depositada no banco da Berberecheira é de ate 25 centímetros. 

Ao abandono da administración nas accións de rexeneración e prevención dos efectos dos incendios súmase a desprotección vivida despois da traxedia á hora de paliar os danos causados. A solicitude de declaración e zona catastrófica para danos en casas e producións agrogandeiras e ecolóxicas tampouco conseguiu a resposta da Xunta. Tres veces foi trasladada a demanda e as tres regresou a Carnota rexeitada. Agora, despois de dous meses de bater na porta sen resposta, a iniciativa SOS Monte Pindo decide tomar as rendas da recuperación e comeza a próxima semana cos traballos no monte. 

“”Estaba prevista a visita dun centro de acollida de menores e ímola manter na xornada de voluntariado porque tamén nos parece importante que contribúan ao futuro do monte, na medida das posibilidades. O voluntariado vai ser variado, de persoas que axuden co seu traballo mais tamén de cartos, de ideas ou de plantas”, explica Maceira. 

Cal é a folla de ruta da recuperación do Pindo? “Témola e comeza coa ruptura de relación coa Xunta e a toma do control da situación, dotándonos de ferramentas propias”. 

A asociación segue tamén a reivindicar a condición de parque natural do Monte Pindo, única posibilidade, segundo ven, de rexenerar e protexer un espazo especialmente afectado polo lume. Esta fin de semana, Monte Pindo Parque Natural conseguiu reunir un amplo grupo de veciñas e viciños para poñer en común os beneficios da iniciativa. 

“A deputada do PP, Marisol Piñeiro, veciña de aquí, insistiu en que na zona había rexeitamento. Non é certo. Moita xente descoñecía o tema. O Pindo sufriu varios incendios, non tan fortes como este, e foise recuperando e queremos que estea protexido para que nunca máis volva pasar”, comenta Maceira, lembrando o catálogo de 646 especies -100 protexidas- que a Asociación elaborara antes do incendio. Máis que nunca, a Asociación reclama a condición de Parque Natural para que o coñecido como Olimpo Celta teña futuro.

 

comentarios