sábado 24/10/20
DENUNCIA DA CIG ENSINO

Educación autoriza que un centro privado imparta ensinanzas artísticas que veta nos públicos

O centro privado Mayeusis impartirá a especialidade de Jazz que non se pode estudar no Conservatorio Superior de Música público. A CIG-Ensino denuncia que Educación autoriza impartir especialidades de ensinanzas artísticas superiores a un centro privado cando as impide nos público. 

.
.

A Consellaría de Educación autoriza ao centro privado Mayeusis de Vigo a impartición de ensinanzas artísticas superiores de Música que non se dan en ningún dos dous conservatorios públicos de Galiza. A CIG-Ensino esixe a “revogación da autorización”, cualifica o feito de “inadmisíbel” e pregúntase como pode a Consellaría xustificar “que un centro privado de Vigo vaia impartir a a especialidade de jazz, cando non se imparte no Conservatorio Superior de Música da localidade”. Ao seu ver, estase a primar o ensino privado en detrimento do público no que a oferta non cobre a demanda do alumnado. 

Primar o ensino privado

Para o sindicato nacionalista, maioritario no ensino, o obxectivo da Consellaría é “primar e dirixir o alumnado ao ensino privado en detrimento do público”. “A Consellaría terá que explicar, tamén, o por que de autorizar a impartición de especialidades a un centro privado das que nin sequera ten elaborado o currículo correspondente”, denuncian desde a CIG-Ensino para quen, a situación é grave tamén porque desde o goberno da Xunta non aceptan que se poidan obter titulacións de Grao -universitarias- nos centros públicos que imparten ensinanzas superiores cando se autoriza “estas ensinanzas a un centro privado, posibelmente coa intención de buscar amparo nunha universidade privada para expedir a titulación de Grao”.  

Lembran que os conservatorios de Música non teñen capacidade para absorber a demanda de alumnado nun momento no que a Consellaría está a despedir profesorado interino e continúa sen aumentar o número de prazas. “En lugar de ampliar a oferta pública, pretende que os estudos superiores, nomeadamente nalgunhas especialidade, estean reservados unicamente ás familias dun alto poder adquisitivo”, valoran.

comentarios