#DPG2014: Galiza a apostar na soberanía

Compostela acollerá esta quinta diversos actos e iniciativas do nacionalismo, nunha xornada na que o soberanismo será protagonista. 

Bandeira grande

As rúas de Compostela volverán este 25 de Xullo ser o escenario no que se van desenvolver os diferentes actos e propostas con motivo do Día da Patria Galega, nunha data que vai servir para tomar o pulso do nacionalismo e da proposta soberanista. Será na mesma xornada na que Felipe de Borbón desembarca en Galiza como Rei de España para asistir a un acto da Igrexa católica a escasos metros de onde milleiros marcharán polo recoñecemento de Galiza como nación.

BNG

A cita principal será ás 12:00 na Alameda de Compostela, lugar de inicio da manifestación do BNG, que este ano decorrerá baixo a lenda ‘En pé por Galiza. Soberanía. Democracia. Dereitos’. Desde a fronte nacionalista queren converter a celebración do Día a Patria nunha “demostración de forza” para garantir a presenza de Galiza no debate soberanista aberto no Estado, non só como unha aspiración política senón tamén como a mellor ferramenta para resolver os problemas reais da cidadanía galega. Mais o día non remata para @s ‘bloqueir@s’ co acto da Praza da Quintana. O Campus Sur co Festigal e o xantar de convivio mantén a chama da xornada.

Anova

Anova-Irmandade Nacionalista realizará un acto político ás 13:00 horas na compostelá Praza 8 de Marzo (na entrada da Rúa de San Pedro), no que decorrerán diferentes intervencións pondo o ramo o seu portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras. Posteriormente, e en Belvís, terá lugar un convivio.

Compromiso por Galicia

A formación galeguista celebra este 25 de Xullo baixo o lema ‘Coa forza do compromiso. Autogoberno e democracia’. Unha ofrenda floral e un acto político ás 12:00 no Panteón dos Galegos Ilustres será o acto central. Posteriormente, os galeguistas desprazaranse até o Parque de Belvís, onde terá lugar o resto de actividades políticas e lúdicas, o xantar, a exhibición de xogos tradicionais e varios concertos.

Nós-UP

A manifestación de Nós-Unidade Popular sairá da Alameda de Compostela ás 12:30 horas sob a palabra de orde ‘República galega, feminista e socialista’. Ás 13:30 será o acto político na Praza do Toural. Belvís será o escenario do posterior xantar e diversas actividades.

Causa Galiza

‘Para vivermos com dignidade no nosso país. Independência’ é o lema da manifestación de Causa Galiza, que sairá da Alameda de Compostela ás 13:00 horas. A organización independentista ten, ademais, convocada a I Romería Popular para realizar en Lasalhe após o acto político.

Comentarios