Crónica dunha sentenza anunciada: os responsábeis políticos do Estado, impunes

A cita é once anos despois, ás once horas. A lectura da sentenza do xuízo do Prestige será hoxe na Coruña. Nunca Máis ten convocada unha concentración nas portas do TSXG porque, sexa cal sexa o que o resultado, os responsábeis políticos do Estado non serán condenados. Só o director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, tivo que sentar no banco dos acusados o e cara el mirarán boa parte dos ollos. A súa condena é a única  posibilidade dun mínimo recoñecemento da responsabilidade política no atentado do Prestige contra as nosas costas.

Nunca Máis Prestige
photo_camera Nunca Máis Prestige

A nota de prensa do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dá ás condicións para a asistencia dos medios de comunicación á lectura da sentenza na sala do Palacio da Xustiza da  Coruña. Recomendan a xornalistas chegar con antelación para non facer fileiras. Cumprirá identificarse. O tempo estimado de duración do acto será de vinte minutos. No fin da lectura, o gabinete entregará en papel un resumo da sentenza (un, dous folios) que será enviado ao mesmo tempo aos medios por correo xunto coa sentenza íntegra. Fin do xuízo. 

A nota de Nunca Máis, que exerce a acusación popular no xuízo, convoca a unha rolda de prensa xusto no remate da lectura para avaliar a sentenza. Durante eses vinte minutos de lectura, protagonizarán unha concentración simbólica baixo o lema “Non esquecemos. Non á impunidade. Mareas Negras Nunca Máis”. 

Os avogados da plataforma Nunca Máis solicitan cinco anos e un día de cárcere para José Lúís López Sors, ao que acusan de delito contra os recursos naturais e o medio ambiente. Pola súa parte, a Fiscalía mantivo a súa petición de 12 anos de prisión para o capitán do petroleiro, Apóstolos Mangouras, como autor dun delito contra o medio ambiente e outro de danos en espazo natural protexido. A Fiscalía estima os danos ocasionados ao Estado español en 4.328 millóns de euros, 2.433 na Galiza.  Na última sesión do xuízo, os letrados de Nunca Máis achegaran como proba a conversa entre o xefe do Centro de Coordinación Estatal de Salvamento, Pedro Sánchez con López -Sors nas que se mostran como se transmitiu a orde de levar o barco cara alta mar, o que supuxo unha nefasta decisión con consecuencias terríbeis. 

Remata un xuízo que se iniciara o 16 de outubro e que se celebrou grazas á presión social. A instrución durara dez anos nos que a falta de medios complicou aínda máis o proceso no que se buscaba xulgar os responsábeis do maior desastre ecolóxico da Galiza. As cifras falan da medida da dimensión do xuízo máis complexo da nosa historia : 2.128 partes presentadas, 133 testemuñas, 98 responsábeis das peritaxes e 51 avogados e avogadas. Os resultados do macroproceso puxéronse en cuestión desde xa antes do inicio. As partes implicadas dubidaban de que se puidesen conseguir indemnizacións sobre os danos causados debido ao complexo entramado de sociedades, contra o que aconteceu noutras causas como as do Erika no que grandes petroleiras foron responsábeis de asumir o pagamento. 

Xuízo grande, banco dos acusados pequeno

O banco dos reos foi o único que se tornou pequeno no macroxuízo. Nel sentaron só o capitán do petroleiro, Apóstolo Mangouras,o xefe de máquinas Nikolaos Argyropoulos e mais o único acusado de responsabilidades políticas, José Luís López Sors. Responsábeis civís directos son a aseguradora The London Steam- Ship Owners e o Fondo Internacional de Indemnización de Danos e como responsábeis civís subsidiarios as navieiras Mare Shipping e Universe Maritime e o Estado español.

No xuízo, o Estado español exerce de acusación contra os tripulantes do petroleiro e a armadora e de de defensa de López-Sors. O Estado asumiu o pagamento previo de indemnizacións que podería recuperar no xuízo, aínda que as posibilidades semellan poucas. Pola súa banda, a Plataforma Nunca Máis exerce de acusación e solicita cinco anos e un día de cadea para López Sors. “Non están ningún dos ministros responsábeis das tomas de decisión que tiveron como consecuencia o afastamento do buque da costa e que o accidente se convertese en catástrofe. Desde esta perspectiva está claro que a sentenza non vai satisfacer a demanda do movemento social que se xerou a raíz da catástrofe do Preste e que foi quen de poñer na rúa Nunca Máis”, sinala o voceiro da plataforma, Xaquín Rubido. Agardan, cando menos, “que en López Sors se castiguen as decisións políticas que daquela se tomaron porque simbolicamente representa o goberno”, sinala Rubido. A ausencia dos verdadeiros responsábeis políticos no banco dos acusados é o que, segundo defende, reducira as expectativas do xuízo e a atención social sobre o seu resultado, en comparación coa tensión que se viviu hai once anos, cando o Persige comezou a botar chapapote sobre as nosas costas e a xente comezou a saír a rúa en milleiros e a limpar as praias coas súas propias mans. 

Podería voltar a acontecer

Once anos despois, o Nunca Máis é aínda un “podería ser”. Desde a propia plataforma lamentan que nin a dimensión da catástrofe fixo que se activaran dispositivos para que a traxedia non volva suceder. “Podería volver acontecer. Melloráronse os medios mais Galiza ten un punto débil que é o dispositivo de separación e tráfico de Fisterra polo que pasan 40.000 buques ao anos dos que 14.000 transportan derivados de petróleo e outros produtos químicos. Falamos dun volume moi importante de tránsito que, nunha situación e crise económica, ve tamén como os recortes afectan á seguridade. Melloráronse nos procedementos de seguranza mais seguen sen ser efectivos”, lamenta Rubido. 

Comentarios