O Consello de Contas dalle un lapote a Feijóo ao confirmar que desviou 400 millóns dos orzamentos

En plena campaña, Feijóo negara os feitos e mesmo se permitira ironizar decindo que até un estudante sabería que era "imposíbel" facer ese trasvase de millóns.
Consello de Contas
photo_camera Consello de Contas

Un ex-conselleiro de Economía de Fraga, José Antonio Orza, foi o responsábel do informe do Consello de Contas de Galiza en que se desvelaba que a Xunta trasladou irregularmente facturas por valor de 411 millóns de euros do exercicio 2010 a 2011. Grazas a esta 'camuflaxe' descuberta pola auditoría do Consello, a Xunta presentou en 2010 un déficit do 2,37%. O teito fixado polo goberno central para as comunidades autónomas era do 2,4. Esta desviación irregular de máis de 400 millóns permitiu a Feijóo cumprir co limite imposto desde Madrid para alén de ser empregada por Feijóo, para presumir de cumpridor.

 O presidente da Xunta empregárase a fondo durante a campaña electoral en negar os feitos

O presidente da Xunta empregárase a fondo, era época de campaña electoral, en negar os feitos. Núñez Feijóo argumentaba entón que "é imposíbel" trasladar 400 millóns de euros do exercicio 2010 a 2011 e pechar este último cun déficit do 1,6%. Feijóo mesmo ironizou con que iso sería "unha milagre".Feijóo mesmo insistiu en que non se podería cadrar o déficit de 2011 dándose ese trasvase de millóns. Esa conta sábea facer calquera estudante de económicas ou de empresariais. Eu diría mesmo que de letras".

Si que houbo desvío

Pois ben. O Consello de Contas vén de ratificar ese informe, unha vez valoradas as alegacións presentadas ao mesmo pola Consellería de Facenda. O
documento xa está no Parlamento para o seu debate, que probábelmente se realizará en febreiro. Non será un debate doado para o presidente da Xunta, pois pesan as súas negacións, e mesmo chascarrillos, sobre o primeiro informe. O mesmo que vén de ser ratificado polo Consello de Contas sen alterar
unha coma.

Comentarios