Compromiso advoga por unha candidatura que coloque a voz de Galiza en Europa "sen intermediarios"

Este sábado, o Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia instou ao Bloque e a Anova a se poñeren de acordo e a "deixar de lado intereses partidistas".

Compromiso
photo_camera Unha imaxe dunha rolda de Compromiso

Após a reunión do seu órgao de dirección, Compromiso enviou un comunicado aos meios. A formación galeguista explica que, na perspectiva das eleccións ao Parlamento europeu 2014, aposta nunha candidatura "que coloque directamente a voz de Galiza, sen intermediarios, no Parlamento europeu", ao tempo que advoga por "outro tipo de política económica no marco da UE".

A construción dunha Europa "máis democrática e solidaria", afastada das políticas de austeridade, debe ser o "mínimo común denominador" a partillar polas forzas políticas que vaian constituír a coligación ao Parlamento europeu, de acordo con Compromiso.

Compromiso defende unha candidatura "de país", que estexa aberta "ao apoio de todas as forzas políticas progresistas que operan en Galiza".

A formación galeguista e socialdemócrata vai manter esta próxima cuarta feira unha reunión coa dirección do BNG para abordar este asunto.

Comentarios