O portavoz nacional da formación frentista, Xavier Vence, afirmou hoxe que o obxectivo da súa organización é o de “sumar” e “integrar” nunha “coalición unitaria galega” as forzas nacionalistas de esquerdas e tamén “aos movementos sociais activos do país”.
Están chamados a esta coligación todos aqueles que partillan o “obxectivo principal” de “acadar unha sólida representación de Galiza no Parlamento Europeo e, por outro lado, construír unha Europa solidaria, dos pobos, alternativa a Europa neoliberal que detrae recursos públicos para rescatar bancos, esquecendo ás persoas e aos sectores produtivos”, esclareceu Vence.
A rota cara ao Parlamento europeu ten dúas etapas, de acordo coa estratexia marcada polo BNG. A primeira, a de conformar o que chaman unha coligación “unitaria galega”. A segunda, sendo estes comicios de circunscrición estatal (e non galega, como o BNG historicamente ten demandado), a formación frentista propón estender a candidatura “ás forzas nacionalistas de esquerda das outras nacións sen Estado, como Euskadi e Catalunya”.
Trátase de iren xuntas todas aquelas forzas que “en ningún caso valoran a posibilidade de ir baixo o paraugas dunha forza política estatal, calquera que sexa, ponto de coincidencia que comparten co BNG”, manifestou Vence.