Comezan as mobilizacións por un “novo roubo” a milleiros de emigrantes

Diante d axencia tributaria de Pontevedra comezan hoxe luns día 1 ás 11 horas as mobilizacións contra o “novo roubo” a milleiros de emigrantes da Galiza. Facenda reclámalles multas desde o 2008 por non cotizaren as pensións. A maior parte das persoas xubiladas da emigración están afectadas, nun colectivo no que xa se cebou a estafa das preferentes. 

preferentes
photo_camera preferentes

Milleiros de persoas, case a totalidade de emigrantes que están a cobrar pensións, vénse afectadas pola reclamación de Facenda de pagamentos, con multas e intereses de demora polo ingresado desde 2008. Os requirimentos colleron de sorpresa a milleiros de persoas que descoñecían a obrigatoriedade de cotizar polos cartos que recibían do exterior e deixa en situación moi complicada a un colectivo no que se cebou xa de maneira especial o fraude das preferentes. Hoxe luns comezan as mobilizacións en Pontevedra nun colectivo que se está a organizar para reclamar un trato xusto diante do que consideran unha “nova estafa do goberno de Rajoy”. 

A plataforma de persoas afectadas comezou a organizarse no Morrazo e Maruchi Álvarez, emigrante e filla de xubilada, é unha das súas promotoras. Desde que recibiron o requirimento comezaron a poñerse en contacto e a pasada semana tiveron reunións cos colectivos de Vigo e Ponteareas ademais de contactos con persoas afectadas de todo o país. “Só no Morrazo somos arredor de catrocentos afectados mais no país enteiro podemos falar de milleiros, case a totalidade dos pensionistas emigrantes” afirma. A finais de febreiro comezaron a chegar os primeiros requirimentos polos que lles reclaman o pago de impostos con carácter retroactivo desde 2008. 

Persoas abafadas e sen saída

“Ninguén sabía que tiña que pagar por eses cartos. En Ponteareas mesmo unha persoa di que foi a Facenda facer a declaración e a funcionaria díxolle que non tributaban. Nin eles o sabían” comenta Maruchi mentres engade que mesmo no último exercizo houbo problemas para conseguir a documentación do país de destino. 

A súa nai ten 86 anos e cobra a pensión de viuvedade ademais da xubilación por ter traballado 18 anos en Alemania. Mensualmente recibe 1.107 euros, sen retención, polo que ten que pagar 1864. Para facer fronte ao que lle requiren desde 2008 bótalle que ten que asumir un pago duns 2500 euros por cada ano, sumándolle multas e intereses de demora. “Hai a quen lle están reclamando 118.000 polos cinco anos. Mesmo unha pensión por incapacidade absoluta, que en España está exenta, ten que conseguir demostrar que se trata deste tipo de pagamento, o que é ben difícil” sinala. 

Reclaman exención de multas

Maruchi Álvarez saíu conmovida da xuntanza de Ponteareas. Atopouse con xente maior con inmensos problemas para saír do paso dun novo atranco no seu retorno á terra. Moitas das que asistiron á reunión son vítimas das preferentes das Caixas e séntense agora unha vez máis timadas. “Pedimos, cando menos, que se deixen as sancións sen efectos, non pagar as multas. Non se pode multar a ninguén por descoñecemento e podemos asegurar que non houbo mala fe e iso queda claro porque máis do 95% de pensionistas están afectados. Fixeron amnistía fiscal cos estafadores, é de xustiza que a teñan coa xente que tivo que marchar fóra traballar e trouxo para aquí todos os seus cartos” afirma Maruchi Álvarez. 

No horizonte está tamén a reclamación de modificar a lei que discrimina, ao seu ver, a quen cobra de dous pagadores. Están mesmo a valorar a presentación dun recurso para a súa aplicación e reclamarán “decisión política” para a súa modificación por seren especialmente afectados.

Comentarios