Exixen a retirada de 4 faixas en Verín por non se axustaren ao contido da taxa cobrada

O alcalde de Verín e senador do Partido Popular, Jiménez Morán, exixu á CIG a retirada de catro faixas que foran previamente autorizadas argüíndo que estas non cumpren co contido acaído á taxa municipal cobrada. A central sindical denuncia que a decisión do alcalde "atenta contra os dereitos de liberdade ideolóxica, expresión e sindical da CIG".
Faixa pendurada pola CIG en Verín
photo_camera Faixa pendurada pola CIG en Verín

Coma se dunha brincadeira se tratar, aseguran desde a CIG, o alcalde do concello ourensán de Verín, Jiménez Morán, exixiu a pasada quinta feira a retirada de catro pancartas penduradas pola central sindical en que se criticaba a xestión desenvolvida polo goberno 'popular' na vila. Segundo Jiménez Morán, que inicialmente autorizara a fixación das faixas, o contido das mesmas non se axustaba --a posteriori-- á taxa municipal que fora previamente cobrada á central sindical. "Será mais caro criticar ao Alcalde que a outros estamentos?", ironizan desde a CIG após coñeceren as demandas do rexedor ás que tildan de "inconstitucionais" pois asociaren o "feito impoñíbel dunha taxa ao contido informativo, comunicativo ou ideolóxico dunha pancarta", aseguran nun comunicado. Neste senso, o alcalde asegura que o custe das faixas (nun comezo fixado polo Concello en 21,18€) varía polo feito de non se referiren os seus lemas unicamente á defensa dos postos de traballo do Parador de Monterrei --vítima do ERE aprobado polo goberno de Mariano Rajoy-- senón que tamén denuncia a xestión de goberno do propio Jiménez Morán.

Desde o sindicato nacionalista, aseguran que a "conduta" do alcalde de Verín é "reiterativa" e denuncian que malia semellar unha actitude "esperpéntica dá a medida da súas convicións democráticas ao atentar contra os dereitos fundamentais e liberdades públicas da nosa central sindical". Aliás, lembran que o rexedor xa foi condenado o pasado ano 2011 por "violar os dereitos expresión e liberdade sindical, polo Xulgado Contencioso de Ourense, ao impedir á CIG o uso de megafonías para publicitar unha folga xeral".

Neste senso, desde a CIG anuncian que veñen de interpor un recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado nº2 de Ourense no que exixen a restitución dos seus dereitos e a suspensión do Decreto aprobado polo Concello en que se fixa unha base impoñíbel sob a fixación de faixas. No entanto, aseguran que non descartan a posibilidade de presentaren unha denuncia penal contra o rexedor solicitando que se "depuren responsabilidades" no que din, "podería constituír unha decisión inxusta a sabendas", sentenzan desde a CIG.

Comentarios