CIG celebra o 8 e o 10 de marzo premiando as loitas de Berta Castaño e do plantel de EINSA

A central nacionalista celebrou esta quinta o acto anual no que fai entrega de ambos recoñecementos.
Responsábeis da sección sindical da CIG en EINSA
photo_camera Responsábeis da sección sindical da CIG en EINSA


Esta quinta feira tivo lugar en Santiago de Compostela o acto anual co que a Confederación Intersindical Galega conmemora de maneira conxunta o Día Internacional da Muller Traballadora (8 de marzo) e o Día da Clase Obreira Galega (10 de marzo). Nel estiveron presentes representantes de diversas organizacións sociais, estudantís, culturais. Tamén participaron o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o portavoz nacionalista no Parlamento Galego, Francisco Jorquera, e Martiño Noriega en representación de Anova.

O evento encetou cunha emotiva homenaxe aos compañeiros Ramón Cortés (banca), Xermán Rey (Saúde), Xosé Manuel Álvarez (Alcoa), Xoan Vicente Ruiz (electricista) e á compañeira Dores Gestoso (ensinante), quen faleceron no decorrer do último ano. No seu nome familiares e compañeir@s do sindicato recolleron unha peza de cerámica conmemorativa da feitura de Julia Arias.

Premio Dez de Marzo ao plantel de EINSA, polo éxito da súa folga de vintecinco días

O Secretario Xeral da CIG foi o encargado de facer entrega do Premio Dez de Marzo. Xesús Seixo afirmou que coma en anos anteriores acharon dificultades para escoller un só conflito que significar con este recoñecemento, dado que “son moitos e moi duros”. Desta volta a figura de cerámica que simboliza a loita da clase obreira galega foi parar á sección sindical da CIG de EINSA, empresa de artes gráficas d’As Pontes.

Seixo explicou que o premio quere recoñecer a loita das e dos 300 traballadores de EINSA quen cunha folga de 25 días foron quen de facer recuar á empresa na súa pretensión de impor unha rebaixa salarial do 30% e de despedir a un 10% do plantel. “A empresa quería aforrar 2,4 millóns de euros a costa dos salarios dos traballadores, logo de teren recibido 50 millóns en subvencións” denunciou o responsábel da CIG na empresa.

Malia non presidir o Comité de Empresa, mais contando co apoio do persoal de talleres a CIG liderou o conflito que finalmente logrou reducir a rebaixa salarial até só o 5% e impediu os despedimentos.

“Sen capacidade de decidir non temos futuro, a única posibilidade de avanzar cara unha sociedade xusta e igualitaria pasa pola soberanía” dixo Seixo

No seu discurso, Xesús Seixo, significou a forte conflitividade e os importantes procesos mobilizadores de carácter sindical que tiveron lugar nos últimos doce meses, salientando de maneira singular a folga xeral do 29 de marzo do ano pasado, da que reivindicou ter sido resultado da iniciativa do sindicalismo nacionalista de Galiza e Euskadi. A respecto da situación que atravesa a clase traballadora galega Seixo sinalou que “enfrontamos a destrución masiva do noso tecido produtivo” que exemplificou nos 160.000 postos de traballo que se destruíron en Galiza nos últimos anos e na elevadísima taxa de desemprego. “Se sumaramos a xente que se ve forzada a emigrar por non ter traballo, o paro atinxiría en realidade máis do 25%” dixo, responsabilizando desta situación ás políticas “que nos colocan nun camiño sen saída, baixo a batuta da Unión Europea”.

Ademais da demanda de emprego digno, a negociación colectiva e a reivindicación de soberanía, completan o eixo reivindicativo co que a CIG convoca mobilizacións nas sete cidades galegas para este domingo 10 de marzo. “Están a levar a negociación colectiva a un instrumento inservíbel. A patronal está a chantaxearnos para poder empobrecer as condicións salariais e de traballo, premendo co risco de que os convenios desaparezan por mor da limitación que o PP impuxo á ultravixencia” denunciou o máximo responsábel da central nacionalista.

Seixo fixo tamén unha mención expresa á demanda de plena soberanía política para Galiza. “Sen capacidade de decidir non temos futuro, a única posibilidade de avanzar cara unha sociedade xusta e igualitaria pasa pola soberanía” clamou, asegurando que “non é unha reivindicación só identitaria, senón imprescindíbel para un desenvolvemento social e económico favorábel ás clases populares”.

Por derradeiro o secretario xeral da CIG fixou que os obxectivos do sindicato pasan por reforzar a presenza nos centros de traballo e a conflitivdade.“Organización e loita é o camiño” concluiu.

Premio Oito de marzo a Berta Castaño, acosada e despedida por ser nai e sindicalista

O segundo premio é o 8 de marzo, que a CIG entrega en recoñecemento de conflitos ou compañeiras que se significaron desde unha perspectiva de xénero. Desta volta o recoñecemento recaeu en Berta Castaño, traballadora e delegada da CIG no Comité de Empresa da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza.

Marga Corral: “Estamos fartas destes sistema, de sermos discriminadas. Estamos fartas do PP e das súas políticas neoliberais e conservadoras"

Castaño padece desde hai varios anos o acoso laboral da empresa que mesmo se materializou no seu despedimento ficando embarazada. Nese momento a xerenta do ente era Covadonga Toca, quen posteriormente sería promocionada polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ao cargo de directora do IGAPE. A pesar de ter que ser readmitida por mandato xudicial, o acoso prosegue en forma de illamento, retirada de tarefas ou cambios arbitrarios nas funcións do seu posto. O de Castaño non é un caso singular. Xunto a ela outras compañeiras foron despedidas por estaren embarazadas, durante o período de maternidade ou ao reincorporarse deste. En total cinco casos semellantes.

Desde a CIG denuncian que para alén da discriminación por carácter de xénero engádese amais a represión sindical. Das sete persoas que decidiran integrar a candidatura da CIG nas eleccións sindicais cinco foron despedidas. “Mesmo se deu o caso de que apenas trinta minutos despois de asinar a candidatura un ncompañeiro era despedido” salientou a homenaxeada, quen ao recibir o recoñecemento agradeceu o apoio recibido polo sindicato nacionalista e afirmou que “o camiño é defender os dereitos a pesar de todos os atrancos”, recibindo unha forte ovación do público.

Antes da entrega do premio a Secretaria Confederal de Muller e Mocidade, Margarida Corral, fixo un repaso sobre os principais conflitos laborais que implicaban problemática de xénero aliás de resltar a participación activa das mozas e mulleres nos procesos mobilizadores desenvolvidos o pasado ano.

Na súa intervención Corral afirmou que “o sistema capitalista sigue abrindo fendas sociais máis tamén de xénero, seguimos oprimidas como en 1911”, facendo referencia á data na que a iniciativa da comunista Alexandra Kollontai se institucionalizaba na Unión Soviética o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora, presentado naquela altura como o “Primeiro de maio femenino”. “Estamos fartas destes sistema, de sermos discriminadas. Estamos fartas do PP e das súas políticas neoliberais e conservadoras que só benefician á banca” clamou Corral nun discurso no que fixo unha debullada relación das causas e factores que arestora continúan a xerar e alargar a desigualdade, para concluír cunha firme advertencia fortemente aplaudida: “Non imos permitir ningún retroceso nos nosos dereitos”.

Comentarios