As cifras "extraordinariamente positivas" de Feijóo: máis de 8.000 hectáreas ardidas

O incendio no Barbanza que atinxe a Lousame e Boiro permanece activo. A Plataforma na Defensa do servizo de protección de incendios dará a coñecer esta sexta feira "dados que contradín" as gabanzas da Consellaría de Medio Rural e de Núñez Feijóo

[Imaxe: Manuel Cores]
photo_camera [Imaxe: Manuel Cores]

As imaxes nas redes sociais son partilladas con celeridade e o hastag #LumesNuncaMáis facía ferver Twitter a poucos minutos de comezar o lume que arrasa Lousame e Boiro. Estradas cortadas, a proximidade das lapas ás vivendas e unha inmensa bola de fume obrigaban aos servizos de emerxencias a despexar algunhas das aldeas. Máis de 400 hectáreas calcinadas e a preocupación de que non será o último incendio son algunhas das conclusións que se deitan do que está a acontecer na Galiza. 

A Plataforma na defensa do servizo de protección de incendios contradí as cifras de Feijóo 

No que vai de verán --até o 28 de agosto-- o propio presidente da Xunta recoñeceu que arderan perto de 8.000 hectáreas --ás que se sumarían as calcinadas no Barbanza. "As cifras están sendo extraordinariamente positivas" asegurou o líder do executivo galego en comparecencia de imprensa após o Consello da Xunta desenvolvido esta quinta feira. "Imos na boa dirección", acrecentou. 

Porén, a Plataforma na defensa do servizo de protección de incendios denuncia a actitude de Alberto Núñez Feijóo e asegura que os dados "contradín" a súa fachenda en relación coa política de extinción e prevención de incendios. Esta sexta feira darán a coñecer publicamente un informe no que desmenten a versión defendida polo mandatario e a Consellaría de Medio Rural. 

A Asemblea galega contra o lume levará á Xunta "10 medidas de país contra a desfeita"

Aliás, a Asemblea galega contra o lume fará entrega á Xunta de máis de 2.000 sinaturas recollidas a través da plataforma change.org. Con esta acción, coa que presentarán "10 medidas de país contra a desfeita" exixen unha outra política forestal para "loitar eficazmente contra os lumes". 

Comentarios