Centos solidarízanse coas vítimas do Alvia nas estacións de comboios do país

O pobo galego quixo render homenaxe ás vítimas do sinistro de Angrois enchendo as estacións ferroviarias de solidariedade

photo_camera [Estación de comboios de Compostela]

A concentración decorrida na cidade de Compostela foi a máis numerosa. A proximidade do dramático accidente --cuxo tren saiu da vía a poucos quilómetros da capital galega-- congregou a ducias de persoas no andén ao que se dirixía o Alvia Madrid-Ferrol. 

As asistentes a este chamado popular --entre os que se atopaban representantes políticos como o líder do BNG, Xavier Vence, e o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras-- gardaron cinco minutos de silencio na honra das 80 persoas falecidas no accidente ferroviario. Após, un emotivo e prolongado aplauso quixo lembrar ás vítimas e lanzar unha mensaxe de apoio ás familias. 

Perto de cinco minutos de aplausos só interrompidos ao berro de "solidariedade" foron a forma escollida pola veciñanza compostelá para conmemorar o sinistro decorrido a pasada cuarta feira. 

A resposta social perante a traxedia segue a ser un exemplo de dignidade. Este 25 de xullo, Día da Patria galega as organizacións políticas do país suspenderon os seus actos e manifestacións. No entanto, a bandeira da Galiza ondeou na estación de comboios compostelá para lembrar @s finad@s no día de tod@s @s galeg@s.

Comentarios