O BNG formula o seu programa de mínimos para gobernar a Deputación de Pontevedra

O BNG presenta un programa de mínimos para cogobernar a Deputación de Pontevedra. A entrada no goberno do ente provincial fica vinculada ao cumprimento desas esixencia presentadas nun documento que leva por título “Pola equidade e a transparencia”. 

César Mosquera,
photo_camera César Mosquera [Foto: Mónica Patxot]

O portavoz do grupo provincial do BNG na deputación de Pontevedra, César Mosqueira, presentou esta segunda feira, en conferencia de imprensa, un programa de mínimos de obrigado cumprimento para entrar a formar parte do goberno da institución. “Caciqueo cero” é un eixo central, segundo sinalou o nacionalista, cara á cristalización dun cambio de rumbo histórico na Deputación, unha vez o PP perdeu a maioría absoluta despois de 32 anos de goberno monocolor. 

Por vez primeira, unha forza política presenta un programa para o goberno da Deputación, segundo destacou Mosqueira que subordinou calquera negociación ao seu cumprimento. Entre as medidas recollidas no programa do grupo nacionalista atópanse principios xerais como son a equidade, a igualdade de servizos básicos para toda a veciñanza, independentemente do concello no que residan, reforzar competencias propias, eliminación da discrecionalidade nas subvencións ou a desaparición do “exacerbado presidencialismo existente na deputación de Pontevedra”. 

Inclúe o programa tamén medidas para unha maior democratización da institución como aumentar a participación dos Grupos Políticos na toma de decisión ou a presenza dos grupos nas Xuntas de Goberno. Canto aos plans provinciais, contempla que Vigo e Pontevedra fiquen excluídas dos plans xenéricos para os concellos. 

O BNG propón a transferencia de competencias á Xunta da Galiza, entre elas as que atinxen a rede viaria provincial interurbana

A formación nacionalista quer potenciar áreas de marcado carácter ecolóxico, de mellora da calidade de vida e medioambental como mobilidade e seguranza viaria, accesibilidade universal, disciplina ambiental de ruídos de locais e actividades, limpeza de praias, recollida de animais mortos ou mesmo valados de publicidade que suxan a paisaxe. 

Estrutura organizativa 

Da estrutura organizativa da Deputación, o BNG contempla a transferencia á Xunta d residencia infantil Príncipe Felipe, Escolas de Canteiros, Areeiro, Mouriscade ou o Campamento A Lanzada, ademais da rede viaria provincial interurbana. 

Despois de 32 de goberno monocolor do PP, as recentes eleccións municipais puxeron fin á maioría absoluta do partido que levara á presidencia provincial, entre outros, a Mariano Rajoy, Xosé Cuiña, César Mera, Manuel Abeledo ou, o máis recente, Rafael Louzán que estaba no cargo desde 2003. A perda de 80.000 votos puxo fin ao goberno do PP e abre as portas a unha nova configuración do goberno cunha corporación composta por 10 membros do PSOE, 4 do BNG e 1 das Mareas.

Comentarios