BNG e Anova reuniranse esta cuarta feira coas europeas na orde do día

Chega o encontro entre o BNG e Anova, coa constitución dunha coligación para o Parlamento europeu na orde do día. Será a vindeira cuarta feira, anunciou o Bloque através dunha nota de imprensa.

O BNG xa tivo reunións con CxG e Nós UP. Este sería o primeiro encontro coa formación que lidera Beiras e chega após o portavoz nacional da formación frentista se dirixir por carta ao líder de Anova para concertar un acordo.

As perspectivas de BNG e Anova chegaren a un acordo son moi incertas, desde o momento en que a forza de Beiras aposta na continuidade da súa alianza con Izquierda Unida, organización que identifican como "esquerda rupturista".

A formulación do BNG é a dun acordo, si, mais entre formacións políticas soberanistas, con dúas fases para o pacto. Unha primeira nacional. E unha segunda, trilateral, aberta ao encontro coas expresións políticas nacionais de Catalunya e Euskal Herria.

A súa defensa dunha frente ampla con inclusión da esquerda española alicérzaa Beiras sobre o argumento de que Galiza neste momento, á diferenza de Catalunya, non ten "potencia suficiente" para por si propria conquistar a soberanía e provocar un cambio de réxime político.

O BNG, en troca, xulga que non é posíbel ningún cambio estrutural do statu político de Galiza que non pase pola auto-organización, isto é, pola acción de forzas políticas que teñan o seu centro de decisión no noso país e non en Madrid.

Embora as zonas de disenso a este respeito non semellan nada pequenas, Vence, no escrito que dirixiu a Beiras, expresou a súa convicción de que "desde a xenerosidade”, existiría marxe para constituír o que o BNG ten alcuñado como unha grande "coalición unitaria galega".

Comentarios