Os actos producíronse despois do coñecido como Festival de Nadal, que foi o acto ao que a profesora K.M.E. deciciu non asistir por teren introducido motivos relixioso nos seus contidos, segundo denuncia Esculca. A profesora queixárase diante do director do CRA xa no ano 2012 por introduciren pezas musicais con motivos relixiosos no festival do ano anterior, o que provocara a burla do responsábel do centro. Xa neste curso escolar, en setembro de 2013, K.M. E. advertira da necesidade de eliminar rasgos como o nome do festival, panxoliñas ou os Reis Magos que, segundo fixo notar, atentaban contra a liberdade de conciencia.
A profesora, ao non seren atendidas as súas suxestións e continuar co mesmo modelo de Festival, comunicou ao centro nunha reunión de profesorado a súa decisión de non participar na actividade, o que fixo a data de 29 de novembro por escrito en carta dirixida ao director do centro. Propuña, no tempo, desenvolver os labores que a dirección lle encomende.
K.M.E. exponse agora, segundo advertiu a dirección do centro, a ser sancionada cun día de retención sen salario. Segundo denuncia Esculca, entidade á que a docente comunicou o acontecemento, K.M.E. tería alertado ao centro de que o deseño do festival vulneran o principio de neutralidade en materia relixiosa á que teñen obriga as institucións escolares. “K.M.E. salienta que situacións parecidas a esta, con realizacións de beléns viventes ou decoración dos centros con anxos e motivos relixiosas de este tipo, teñen lugar noutros centros da comarca, o que supón unha intromisión, de baixa intensidade mais continua, do ideario católico na vida escolar”, din desde Esculca.