Anova-Irmandade Nacionalista, unha organización onde preocupa a horizontalidade

Foi o nome escollido na asemblea constituínte do Novo Proxecto Común onde o debate das emendas ao redor dos principios organizativos e os estatutos xirou ao redor da participación igualitaria e desde as bases. No acto de clausura non houbo sorpresas: pechouno Beiras cun discurso rotundo: ''Todo dios sabe o que é a independencia''

Con máis de catro horas de atraso sobre a hora fixada --a clausura estaba marcada para as 20h--, a asemblea nacional constituínte do até agora Novo Proxecto Común e desde hoxe Anova-Irmandade Nacionalista rematou canda o día. Un maratoniano debate ao redor dos Principios Organizativos, dos Estatutos e do Documento Político puxo riba da mesa emendas para incluírense cuestións como o laicismo, o independentismo, o monolingüismo social en galego, a escolla desde as comarcas da maioría da representación da Coordinadora Nacional, a eliminación da dupla militancia ou o antisionismo, alén dalgúns apuntamentos sobre equidade de xénero. Poucas foron adiante. Así decorreu a asemblea.

POLA MAÑÁ: o NPC xa ten nome, e a maioría da Coordinadora escolleráa a asemblea
Anova - Irmandade Nacionalista. É o nome da organización saída da asemblea nacional constituínte do Novo Proxecto Común que este sábado se celebrase celebrou no Pazo de Congresos de Compostela. Con máis de 2.000 persoas inscritas --das que se achegaron ao redor de 600, moitas só para as votacións-- e con destacados do nacionalismo entre @s presentes, como Xosé Manuel Beiras (EI) ou Mariano Abalo (FPG), após a aprobación do regulamento por 365 votos a favor, 2 en contra e 35 abstencións, o nome foi a seguinte votación á que se enfrontaron @s participantes. O sinalado aí enriba, Anova --"de innovar", aclararon desde o micro--, cos apelidos Irmandade Nacionalista, impúxose con 220 votos á outra opción achegada, Vía Galega, se ben nos corredores temiase que non saíse adiante pola reminiscencia co nome dunha das formacións que participa activamente neste proxecto, a que lidera Beiras, o Encontro Irmandiño.

Xa daquela con moito atraso e moita tensión ao respecto --"tede claro que hoxe non comemos", advertiron--, o debate sobre as emendas aos Principios Organizativos e aos Estatutos xiraron ao redor das tripas do propio proxecto e de termos como 'horizontalidade', 'igualdade' e 'bases', que aparecen recollidos nos seus textos fundacionais. Propúxose a eliminación da dupla militancia en prol dunha única no NPC, emenda que foi entendida como un chamamento á "disolución" das formacións políticas que traballaron nos últimos tres meses, e que ergueu a Beiras da cadeira para facer unha encarnizada defensa da apertura do proxecto. A votación ficou embargada até a vindeira asemblea nacional.

Riba da mesa púxose tamén a proposta dun funcionamento por comisións de traballo e escoller "máis xente nas comarcas, que é onde nos coñecemos, e menos xente na asemblea" para garantir que as decisións se tomen desde as bases --que non saíu tampouco adiante (135 votos a 245), polo que a maioría da representación da Coordinadora Nacional será escollida pola asemblea--. E así unha e outra achega.

"Non hai nin dirixismo nin escurantismo", explicou Raúl Asegurado, integrante do Encontro Irmandiño, para contrarrestar unha emenda presentada á proposta que se sometía a votación, cunha listaxe de 75 candidat@s á Coordinadora Nacional --da marxe de entre 50 e 75 que contemplan os Estatutos--, na que aparecen nomes coñecidos: desde o propio Asegurado a Beiras, pasando por Mariano Abalo, Martiño Noriega, Luis Eyré, Mario López Rico, Miguel Anxo Malvido Antonio Araúxo, Carlos Méixome ou Concha Trigo. Tod@s farán parte da primeira coordinadora nacional de Anova, após gañar por maioría nas votacións a candidatura que chegou ao plenario.

As persoas alí congregadas ían na procura, dixeron, "dunha organización que non se axuste ao modelo clásico de partido" e, nesa liña, reprocharon que "non podemos falar de horizontalidade e despois presentar un Consello Nacional e unha Executiva". Garantir a participación das asembleas de base de aquí en diante semella ser a máxima preocupación desta nova organización.

PRIMEIRAS BAIXAS: Causa Galiza e Colectivo Nacionalista de Marín
Xustamente alegando a falta de horizontalidade e unha praxe "dirixida" fonte a un discurso asembleario foi polo que a formación independentista Causa Galiza decidiu ficar á marxe deste proxecto tan só unhas horas antes de se celebrar a constituínte. "Non conta coas mínimas garantías democráticas exixíbeis", valoraron, informando de que, após meses de debates e análises nas asembleas comarcais que auguraban unha asemblea constituinte do NPC feita "desde a base", estes últimos días teñen sido "de decepción". Queixáronse tamén desde Causa Galiza da proposta da Coordinadora Nacional, "sectaria e feita desde arriba" alén de pechada, pois non foi negociada nin debatida.

Na recta final descolgouse tamén o Colectivo Nacionalista de Marín. Mentres, Causa Galiza fixo un chamamento ás formacións soberanistas que fan parte do NPC --FPG e MpB-- a seguiren os seus pasos mais, polo de agora, non houbo máis baixas. Antes de entrar na asemblea, Beiras dixo ante os medios de comunicación que apostará por "un proxecto colectivo", e deixou "as portas abertas" a unha posíbel alianza con outras formacións, nomeadamente con Compromiso por Galicia, da que fan parte Acción Galega, Máis Galiza e Ecogaleguistas. Explicou a postura da organización independentista enmarcada nun debate "moi aberto" onde cada grupo "puido ver se encaixaba ou non encaixaba". O líder do Encontro Irmandiño deixou aberta para Causa Galiza a mesma porta que para CxG, por se desexaren voltar "máis adiante".

POLA TARDE: Non ao antisionismo, si á autodeterminación e reprimenda feminista
Após xantaren, a participación na asemblea constituínde de Anova medrou un algo respecto da rexistrada pola mañá, mais non sobe da cifra que demos máis arriba: 600 persoas. O debate que arrincou máis posicionamentos foi ao redor da emenda que propuña a inclusión do antisionismo como máis un principio de Anova; a achega non saíu adiante. Máis éxito tiveron as propostar para avogar polo monolingüismo social en galego, coa superación da diglosia e "un reachegamento ao mundo da lusofonía", ou aqueloutra para remarcar o carácter laico da organización.

Asumir de maneira explícita a independencia como obxectivo xerou acaloradas intervencións, a meirande parte delas en prol da autodeterminación. Beiras centrou parte do seu discurso de clausura neste punto, sinalando que tal posición "podemos ser verdadeiramente internacionalista e solidario" ou que non hai que perder o tempo debatendo se o termo vai ser ou non comprendido, pois "todo dios sabe o que é a independencia!". 

E chegou a hora das reprimendas de xénero. Se ben é certo que poucas das persoas que tomaron a palabra esqueceron falar en politicamente correcto, dirixíndose por igual a "todos e todas", houbo desde as bancadas quen pediu o micro para facer algúns apuntamentos: "aquí fálase da maneira que se fala, fanse insultos machistas e temos un cartaz onde só se ven figuras masculinas". Acto seguido, criticou que nos textos orixinais levados ao plenario só se contemplara a igualdade no eido laboral "cando estamos discriminadas en todos os eidos da vida". Admitida a achega de modificar a redacción dese punto, saíu tamén adiante a aprobación da defensa do dereito ao aborto, a eliminación da obxección de conciencia e a loita activa polos dereitos do colectivo lgbt.

Reclaman tamén que se contemple a igualdade de dereitos sociais, co "pleno apoio" á inserción laboral das persoas con diversidade funcional. Xa pola mañá un dos asistentes, Uxío, unha persoa moi coñecida en Compostela e que se despraza en cadeira de rodas, exixiu que se garanta a posibilidade de participación nas mesmas condicións en todas as actividades de Anova para quen teña unha discapacidade. Sae adiante esta proposta de resolución, xunto con outra feita pola xente nova, que reclamou a constitución dunha comisión de mocidade nas asembleas.

POLA NOITE: Sen sorpresas na clausura. Pecha Beiras cun ''É a hora da República'' 
Cando xa se anunciara o final do debate de emendas, un asistente lanzou a pregunta de se sería pertinente que esta organización procurase financiamento nas entidades bancarias convencionais. A preocupación da mesa por este punto, que propiciou que se abrise a quenda de intervencións de novo, provocou o rexeitamento do auditorio. Berros, máis berros e acenos a abandonar a asemblea conseguiron finalmente o que querían: pasar directamente á votación, sen debates. 281 votos a favor fronte a 96 en contra son os responsábeis de que Anova fique autorizada para solicitar créditos nas oficinas de calquera banco, e iso a pesar de que o presidente do banco ético Fiare Galiza, Raúl Asegurado, fai parte da coordinadora nacional.

Tamén vai adiante a posibilidade dun pacto electoral, con 312 votos a favor e 77 en contra. Sobre esta cuestión falou Beiras, sinalando que "apunte cara a unha creba democrática coa segunda restauración borbónica" é o camiño que debe seguir Anova para que no futuro "se nós e outros que poidan compartir un proxecto común de goberno" chegan ao Parlamento de Galiza --"se aínda existe"-- non lles cumpra facérense preguntas como esta: "se desprazamos a actual brigada de demolición de San Caetano e quixeramos aplicar a Lei de Caixas... como imos aplicala se as caixas non existen?"

NOS CORREDORES: ''Mal sabor de boca''
A asemblea chega á súa fin. O Documento Político apróbase con 333 votos a favor, 11 en contra e 22 abstencións. @s participantes retíranse para riscar na papeleta @s candidat@s á coordinadora e non hai sorpresas aquí tampouco: sae adiante a que se levou a pleno, de 75 nomes que se recollen nunha ligazón algo máis arriba, nesta mesma información. Para a despedida, moz@s dan lectura a fragmentos dese documento, e "após escoitarmos o futuro, toca escoitarmos o... a Xosé Manuel Beiras". Quen fala, Antonio Araúxo, corríxese sobre a marcha: "Ía dicir pasado mais ti, Beiras, es presente e tamén futuro".

Fala Beiras. Parafrasea a Otero Pedrayo para sinalar que el é "unha pantasma do século XX". Lembra os 223 anos da toma da Bastilla que se cumpriron hoxe, "a primeira revolución da cidadanía organizada contra o feudalismo. Son os mesmos que nos esmagan hoxe, noutra época histórica". E chamou á construción de alianzas no Estado e na Unión Europea, cuxas institucións políticas, dixo, "son os nosos inimigos meirandes". Nos corredores do Pazo de Congresos militantes de organizacións alleas ao Encontro Irmandiño e persoas sen carné de partido non as tiñan todas consigo. Adiantaron que habería aplauso ao final do discurso, si, mais marchaban "con mal sabor de boca" e "vendo perigar a participación desde as bases". Porén, no escenario, un Beiras satisfeito deu por concluídas máis de doce horas de debate: "É hora da República".

Comentarios