Acusan á Xunta de inflar os datos de efectivos contratados contra os incendios

Fronte as afirmacións de Medio Rural de que hai 5.700 brigadistas para esta campaña de prevención e extinción, CIG e comités de Seaga afirman que son menos da metade, 2.000

As condicións climatolóxicas son as que están provocando que este ano os incendios, até o de agora, non asolen Galiza. Unha situación de certa tranquilidade nos montes que non é responsabilidade do oprativo desplegado pola Xunta. É máis, desde CIG-Servizos e os comités de Seaga desmenten os datos ofrecidos pola Consellaría do Medio Rural, que afirma que os efectivos destinados este verán a tarefas de prevención e extinción de incendios rondan os 5.700 brigadistas.E non é tal. Paulo Rubido, da CIG-Servizos reduce ese número a uns 2.000 efectivos e acusa á Xunta de "mentir e inflar datos".

Frente aos 1.500  fixos discontínuos que a Xunta afirma que estarían traballando, en realidade só habería 1.000, afirma Rubido. En Seaga están dados de alta na Seguridade Social os 500 previstos e nas brigadas helitransportadas (a través da empresa Natutecnia) están contratados outros 150. A todos eles hai que sumar os 436 brigadistas que, como fixos discontínuos, ten previsto incorporar a administración durante tres meses en tarefas de motobombistas, emisoristas e vixiantes. Así pois, "2.000 traballadores e non os 5.689 que a Xunta afirmou", remarcan desde a CIG.

Este ano hai no monte 1.700 efectivos menos que no verán pasado

Menos que en 2011

O secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, lembrou que na campaña do verán de 2011 eran 3.600 persoas (1.800 contratadas pola Xunta e 1.900 por Seaga) as que integraban o dispositivo. Unha diferenza de 1.700 que para Rubido evidencia o "descontrol" existente.

O responsábel da central nacionalista considera que de darse unha temporada problemática con incendios no monte "vaise poder comprobar que estamos en condicións semellantes a Valencia".

Tanto CIG-Servizos como os Comités de Seaga demandarán a subrogación do persoal das brigadas helitransportadas en Natutecnia

Preparadas demandas contra Natutecnia

Tanto CIG-Servizos como os Comités de Seaga demandarán a subrogación do persoal das brigadas helitransportadas en Natutecnia. Exixen á Xunta que explique a modalidade baixo a que traballa esta empresa e que informe de como foi contratado o persoal. E tamén lanzaron unha advertencia á empresa, xa que comezaron unha campaña de presentación de preto dun cento de demandas para reclamar a subrogación dos 150 traballadores que, na pasada campaña, integraron as brigadas helitransportadas. 

"Natutecnia evitou contratar a persoal con experiencia", sinalan desde a CIG.

Para a central, todos estes sucesos habería que interpretalos como "experimentos" da Xunta con diferentes modalidades de contratación cunha finalidade: Avanzar cara a privatización da prevención e extinción de incendios.

Comentarios