sábado 30.05.2020

A Universidade de Santiago sitúa a Anxo Quintanilla como xerente de Agadic

Desde que Juan Carlos Fasero deixara a xerencia da Agadic, o organismo responsábel das industrias culturais da Xunta está descabezado. Nunha convocatoria publicada no Xornal da Universidade de Santiago, sitúase a Anxo Quintanilla á fronte do organismo como xerente.
xerencia AGADIC
xerencia AGADIC


Que Anxo Quintanilla está á fronte do sector audiovisual na xestión da consellería de Cultura sábese xa antes de que se adxudicara, co goberno xa en funcións e a escasos 20 días das eleccións, a praza de coordinador audiovisual na Axencia Galega de Industrias Culturais, nunha convocatoria pública -non cargo político- que foi criticada pola oposición, entre outras cousas, polo momento en que fora convocada.

A entrada oficial -desde tempo atrás estaba vinculado ao organismo- de Quintanilla en Agadic facíase pública apenas 25 días antes de que, poucas xornadas despois das eleccións, Fasero anunciara a renuncia ao cargo e a súa marcha á SGAE. Van alá tres meses e, mália a continua demanda dos distintos sectores da cultura, o cargo segue sen ocuparse. Os diversos ámbitos das industrias da cultura láianse de non teren interlocución coa administración. A propia Plataforma das Artes Escénicas facía esta denuncia ao non seren recibidos polo conselleiro, sen ter un cargo intermedio a quen expoñer a súa situación.

A Universidade de Santiago publicou esta cuarta no seu xornal dixital os compoñentes dun xurado entre os que se atopa o propio Anxo Quintanilla en representación de Agadic, a quen definen como “xerente” da entidade. Sen nomeamento previo, son moitas as miradas que fitan en Quintanilla, un home forte do audivisual vinculado cos distintos gobernos do PP.

Anxo Quintanilla é un dos nomes máis poderosos dos inicios da Televisión de Galicia, á que estivo vinculado de 1985 a 2005 con distintos cargos, desde xefe de persoal a Director de Producción, ocupando de 1996 a 2005 o posto de Director Xerente. En 2005, ano en que o PP perde as eleccións en Galiza, incorpórase como director executivo á Televisión de Murcia. En 2010 ocupou o posto de director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia.

comentarios