Galiza

A tesoira de Feijóo condena á desaparición os programas de prevención de drogodependencias

A tesoira de Feijóo condena á desaparición os programas de prevención de drogodependencias

A Asociación Galega de Profesionais de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas denuncia o "inminente risco de desaparición" dos programas de prevención de drogodependencias en Galiza por mor do recorte do financiamento

A Asociación Galega de Profesionais de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas vén de dar a voz de alarma sobre o perigo de desaparición dos programas de prevención como consecuencia da tesoirada do goberno popular, unha denuncia á que se suma CIG-Saúde. 

No que se refire á asistencia a drogodependencias, vense afectadas polos recortes tanto as Unidades Asistenciais de Drogodependencias dependentes dos Concellos (13 en toda Galiza) como os centros dependentes de Asociacións e ONGs. Así, o corte vai entre o 10% sobre o percibido no 2012 para as asociacións e ONGs até a previsión dun 15% menos na consignación da partida para a sinatura de convenio coa FEGAMP para as unidades dos concellos. Esta diminución dos recursos, segundo denuncia a Asociación, súmase ás xa realizadas en exercicios anteriores, superando o millón de euros o que, tendo en conta a situación das arcas dos Concellos e a falta doutros recursos das asociacións, pon a moitos centros asistenciais ao borde da quebra e desaparición.

Tamén se produce un importante recorte nos recursos de atención específica ao alcoolismo, que afecta tanto aos que traballan en reinserción laboral como en atención xurídica, reducíndose as asignacións nun 10% para cada un deles. Cantidade á que hai que sumar, no caso da atención xurídica e reinserción, o 10% que xa sufriran o ano pasado.

Prevención

De especial gravidade para este colectivo é a decisión da Consellaría de Sanidade de suprimir todo o investimento nos Equipos de Prevención dependentes dos concellos e mancomunidades de Galiza: 43 equipos con 61 profesionais, que interveñen sobre 118 concellos-mancomunidades e sobre o 75% da poboación galega.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

Máis en Galiza
comentarios