A fame regresa a un país en que unha de cada catro persoas está en risco de pobreza

Unha de cada catro persoas están en risco de pobreza na Galiza. Os datos de 2011 falan de 662.515 cun aumento anual de 50.000 cada ano. Desde o 1 de setembro, 20.000 persoas ficaron fóra do sistema de saúde público. A Rede Galega contra a Pobreza fala xa de que no territorio galego hai xente que está a pasar fame.
photo_camera Pobreza nas crianzas de Europa

A fame non é xa tema do pasado ou de territorios afastados. Cando parecía desterrada do país, as entidades do terceiro sector social alertan do seu regreso. A pobreza deixou de estar limitada a colectivos concretos e é xa unha ameaza para boa parte da poboación ao tempo que as situacións radicais de necesidade agroman nun panorama que as políticas públicas de recortes están a agravar. ·”Calquera pode ser pobre, ou cando menos, a maior parte da poboación non está exenta da ameaza. A pobreza xa non está relacionado con determinados grupos sociais, étnicos ou con problemas. Unha situación normal como é unha parella cos dous membros en paro e dous fillos cando se lle rematan as prestacións deriva nunha situación de grande necesidade. Neste momento xa hai xente que non ten para comer” afirma Carlos Rosón, secretario da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, unha entidade que agrupa a diversos colectivos dedicados ao chamado terceiro sector social como Cogami, Autismo Galicia, Fundación Meniños, Down Galicia, Fundación Secretariado Xitano ou Érguete.

Os datos que barallan son alarmantes. 662.515 persoas están en situaciónd e risco de pobreza segundo o ano 2011, o último cos datos pechados, cun incremento previsto de 50.000 cada ano. Con respecto á infancia, denuncian que 72.000 nenas e nenos forman parte de familias que viven baixo o limiar da pobreza, 20% das crianzas son pobres segundo Unicef. No que chaman “privación material severa”, é dicir, casos xa de extrema pobreza sitúan 65.000 persoas nunha situación que se ve agravada polos continuos recortes sociais. 20.000 quedaron fóra do sistema sanitario público desde o día 1 de setembro.

“O sistema mudou, xa non se pode comparar esta situación coa de hai tres anos. Non se vai volver a anterior así que compre construír un modelo novo. A pobreza, por dicilo dalgunha maneira “democratizouse” no sentido de que chega a quen non o pensaba e carecemos de políticas alternativas para esta situación” sinala Carlos Rosón.

Desde a Rede Galega demandan que a pobreza entre na axenda política e por iso están a desenvolver xuntanzas con todos os grupos parlamentares para demandar atención para esixir liñas de acción inclusivas. “Traballamos na liña da autonomía persoal para que as persoas tomen as rendas das súas vidas, lonxe das políticas asistencias. As alternativas como os Bancos de Alimentos non poden ser substitutivas, compre artellar políticas de inclusión”, afirma Rosón ao reclamar tamén un pacto de partidos pola inclusión social que ten que evidenciarse na elaboración dos propios orzamentos.

Nese modelo que reivindica demanda que os dereitos sociais das persoas sexan recollidos e blindados. “Ata hai pouco tempo non cuestionabamos dereitos como a sanidade pública ou a xustiza gratuita e vemos como se está vindo abaixo. É preciso artellar un modelo que protexa os dereitos sociais e que teña incidencia política” defende.

 
A EU reduce axudas mália contar con 120 millóns de pobres

EAPN-Galicia participa tamén na Rede Europea Contra a Pobreza desde a que se está a desenvolver unha campaña pola que denuncian a inoperancia da Estratexia Europa 2010 e reivindican un maior compromiso na loita contra a pobreza e pola inclusión social. Segundo os dato sda rede 120 millóns de persoas se atopan en risco de exclusión social ou pobreza para o que a UE conta con dous programas, o Fondo Social Europeo centrado no acceso e mellora no mundo laboral -do que, ao dicir da Rede, están lonxe as persoas en situación de extrema pobreza- máis o Programa de Alimentos que remata a finais de 2013.Será substituído polo Fondo Europeo de Axuda aos Máis Necesitados, xestionado polos propios Estados membros co obxectivo de cubrir as necesidades básicas das persoas máis necesitadas. EAPN considera que “este Fondo que se presenta como "novo", realmente é unha rebaixa do nivel de compromiso e de solidariedade europea coas persoas que viven en situacións máis extremas en Europa, xustamente nos momentos en que estes son máis necesarios. Co novo Fondo pasaríase dos 18 millóns de beneficiarios dos últimos anos a 4 millóns, "os que estean en peor condición"”.

Comentarios