Algúns foron fusilados en Carral o día 26 de abril, outros marcharon para o desterro. A súa revolución quedou, no entanto, na memoria colectiva do pobo galego e os espazos polos que a súa loita se desenvolveu son agora lugares de homenaxe aos protagonistas daqueles acontecementos “que encheron Galiza de arelas de liberdade”.
O programa que artellaron as tres asociacións pertencentes á Federación Galiza Cultura percorre eses mesmos espazos para rematar en San Martiño Pinario, na homenaxe que se lle tributará ás 18.00 horas, no lugar onde se desenvolveu o seu último ponto de resistencia.
A convocatoria, malia ser o de Compostela o acto central, marca o seu inicio ás 12.00 horas, con saída do Campo de Conxo para Cacheiras, percorrendo o Roteiro da Batalla de Cacheiras na que se lembrará a epopea daqueles que querían liberar Galiza do asoballamento que padecía como “colonia da Corte”.