A crise fai descender á metade as solicitudes de adopción internacional

A crise estase deixando sentir tamén nas solicitudes de adopción internacional que caíron á máis da metade desde o 2004. Os datos da Consellería de Traballo e Benestar recollen 683 solicitudes nese ano fronte ás 302 do 2011. Para o peche deste ano prevese un descenso aínda maior xa que a cifra do primeiro semestre recolle só a presentación de 114 solicitudes.
adopción
photo_camera adopción

No primeiro semestre deste ano, último dato que ten pechado a Consellería de Traballo e Benestar, á Xunta chegaron 114 solicitudes de apertura de expediente para a adopción internacional. Se non hai variación no segundo semestre, o ano rematará cunha a importante baixada con respecto ao 2011, ano que rexistrou á súa vez unha considerábel disminución con respecto ao anterior.

A cifra de solicitudes de adopción internacional ven baixando progresivamente desde o ano 2004 no que se contabilizou o número máis alto de apertura de expedientes, con 683 abertos. O descenso maior prodúcese a partir do 2008 cando a cifra baixa de 509 a 344 para xa nunca máis superar os catrocentos. O descenso paulatino continúa nos últimos anos, pasando así de 364 no 2010 a 302 no 2011.

Os datos oficiais mostran tamén unha acusada diferencia provincial e, desta maneira, no 2011, 160 demandas proviñan da Coruña, 86 de Pontevedra e só 32 de Lugo e 24 de Ourense.

Na súa totalidade, desde o 2000 e até fin de 2011, a Xunta tramitou 2193 expedientes, dos que 2193 viñan da Coruña, 1767 de Pontevedra, 554 de Lugo e 388 de Ourense.

Nos seis primeiros meses deste ano presentáronse 58 expedientes na Coruña, 36 en Pontevedra, 13 en Lugo e 7 en Ourense facendo o total de 114 que marca unha tendencia á baixa continuada. En canto a asignacións de crianzas, nestes seis meses comúnicáronse 37 na Coruña, 26 en Pontevedra e 4 en Lugo e 2 en Ourense.

De 2000 a 2011 tramitáronse 2.456 expedientes de adopción, 751 con Etiopía, 703 con China, 426 con Colombia, 216 con Vietnam e 146 con Rusia dun total de catorce países. Etiopía, orixe da maior parte das crianzas adoptadas en Galiza, non admite temporalmente novas solicitudes de adopción. Comezouse, mália iso, a tramitación con Kirguizistán e Kazakhstán.

Comentarios