A Consellaría de Sanidade consente a redución de 68.981m2 do Hospital de Vigo por parte da concesionaria

A superficie e o número de camas e cuartos non son os únicos datos que se ven mermados no proxecto de execución do Hospital de Vigo. Desaparecen tamén 8 quirófanos e 3 paritorios. No centro de dia baixan 94,12% o número de camas mentres se incrementan os sillóns 56,10%. En diálise a diminución sería dun 41,67%. Un 18, 79% das consultas desaparecen, é dicir, un total de 53 espazos destinados a servizos ambulatorios.

 

Con respecto ao proxecto inicial o novo Hospital de Vigo terá 68981m2 menos construídos alén da redución dun 40 a un 10% de habitacións individuais ou a merma de número de quirófanos e paritorios. A Xunta mantén, pola contra, o canon a pagar durante vinte anos á concesionaria que está a executar a construción do edificio.

 Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública están a denunciar o desequilibrio existente entre o proxecto inicial de Hospital co que a empresa concesionaria gañou o concurso e o de execución que agora se coñece, que conta co visto bo da Consellaría de Sanidade. Sobre o proxecto de execución detectan “graves alteracións” que se manifestan en cifras que dan medida da denuncia.

 En canto a superficie construída, na área ambulatoria redúcense 7500 m2 por andar o que fai no total dos tres previstos uns 22500 m2 menos. Polo que toca ao bloque cirúrxico, desaparecen 2700 m2 por andar do proxecto inicial e, dado que esta parte da edificación ten catro alturas, pérdense 7100 m. Sumando estas cifras á desaparición de 23381 dos edificios anexos e 16.000 do aparcamento, en total o proxecto de execución contempla a construción de 68981m2menos do recollido no proxecto inicial. A Plataforma pro Sanidade pública estima que o custe medio é de 1000 €/m2o que daría un recorte na execución de 70 millóns de €. malia non haber modificacións no canon que lle corresponde á Xunta de Galiza.

 En canto ás camas previstas, a comparanza pon á vista tamén a diminución da calidade hospitalaria xa que no proxecto inicial se estipulaba un 40% de habitacións individuais cun número de 224 cando no de execución o número redúcese a 56, o que supón un 10% do total. Segundo as indicacións dos organismos de saúde internacionais, na construción dun novo centro hospitalario compre prever as hipóteses máis perigosas, é dicir, no que a este aspecto respecta, trataríase da posibilidade dunha pandemia. Co 10% incúmprense as recomendacións e quédase nun límite inferior que reduce a calidade da asistencia sanitaria e mesmo o trato digno ás persoas hospitalizadas que precisan, en situacións especiais, unha habitación individualizada.

Segundo o concurso, a empresa concesionaria, participada, entre outros, por Caixanova, Bankia e Caja de Ahorros del Mediterráneo, faría melloras ao respecto do proxecto inicial no que se establecían os mínimos marcados pola Xunta. Cos datos cos que agora se contan correspondentes ao proxecto visado polos técnicos da Consellaría de Sanidade e presentado pola súa titular no Parlamento, a execución suporá non só non mellorar o proxecto inicial senón unha clara diminución ao respecto do que se presentara á cidadanía de Vigo e ao seu propio Concello. Que a empresa concesionaria reduza de xeito drástico o proxecto inicial co visto e prace da Xunta de Galiza leva a que a Plataforma denuncie un trato de favor en detrimento da calidade asistencial da cidadanía de Vigo. 

Comentarios