A CIG empraza á Xunta a rescindiren os concertos con centros que segreguen por xénero

A sentenza do Tribunal Supremo que prohibe ás administracións públicas asinaren concertos con centros que segregan por xénero aviva a exixencia da CIG-Ensino para que a Xunta deixe de dotalos con cartos públicos.

 Monte Castelao, Las Acacias e Aloya en Vigo e Montespiño e Peñarronda na Coruña son centros que separan o alumnado por xénero e que seguen, segundo os datos da CIG-Ensino, acadando subvencións de arredor duns 3 millóns de euros por medio dos concertos da Xunta cos centros privados.

A partir da sentenza do Tribunal Supremo pola que prohibe dotar estes centros con cartos públicos, a CIG- Ensino exixe con carácter inmediato a rescisión dos concertos. Reclama, polo tanto, que o goberno galego acate a sentenza onde, segundo consta, “se exclúe eses centros da posibilidade de concertar coa Administración competente o seu sostemento con fondos públicos”.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao sinala, neste sentido, que os cartos “deben reverter no ensino público, máis nun momento en que está a padecer todo tipo de recorte se supresión de unidades”. Segundo o sindicato nacionalista, a sentenza confirma que “efectivamente estes concertos educativos contradín a lexislación”, polo que agardan a “inmediata rescisión”.

O sindicato nacionalista agarda que o Supremo se manifeste no mesmo sentido a respecto do recurso que presentou, argumentando como o está a facer neste caso, a incompatibilidade da Lei Orgánica de Educación que impide a discriminación por razóns de sexo coas subvencións con cartos públicos.

“Estamos ante un modelo de centros reaccionario, nas antípodas do que debe ser a educación coeducativa e que nin sequera permite a educación mixta, na medida en que estes centros non escolarizan alumnado de distinto xénero. Modelos educativos superados desde o franquismo que van en contra da organización democrática dunha sociedade, dos principios pedagóxicos de igualdade de xénero".

Comentarios