“O Estatuto do 36 prohibía que se levase fóra o patrimonio cultural de Galiza”

A profesora Pilar García Negro ofreceu unha charla na Coruña sobre o aniversario do primeiro Estatuto de Autonomía, que “a pesar das súas limitacións era máis avanzado nalgunhas cuestións que o actual” posto que impedía o que agora pode ocorrer co patrimonio artístico das antigas caixas ou “esixía acreditar o coñecemento do galego para acceder á función pública”.  

Pilar García Negro na conferencia
photo_camera Pilar García Negro na conferencia

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña acolleu un acto de lembranza do primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza, que cumpriu este mes o seu 77 aniversario. Organizada polo BNG, a conmemoración constou dunha charla da profesora Pilar García Negro -e un posterior debate- durante a cal a tamén ex deputada constatou que aquel texto “a pesar das súas limitacións e das imposicións que tivo que aturar non é antigo e nel latexan nocións do que puido ser un poder galego”. “Nalgunhas cuestións é máis avanzado que o vixente”, engadiu. 

García Negro expuxo uns cantos exemplos da clarividencia daquela norma que sacou adiante “de forma heroica” o nacionalismo histórico. “Entre os puntos do Estatuto do 36 atopamos por exemplo a posibilidade de que se unan á administración galega as comarcas limítrofes que compartan características culturais ou xeográficas, algo agora totalmente prohibido. Ou en cuestións de lingua chega a superar á situación actual cando lexisla que se debe acreditar o coñecemento da lingua galega para acceder ao funcionariado”, indicou. 

"Calquera lei que saíse da Asemblea Galega, o Parlamento, tería que ser sometida a referendo se así o pedía o quince por cento do censo”, apuntou García Negro". 

Outro exemplo da norma autonómica de hai 77 anos que a profesora trouxo á actualidade foi aquela que incluía o texto e segundo a cal “non se podía levar fóra de Galiza o noso patrimonio cultural”, circunstancia ben distinta ao que pode suceder co legado artístico que actualmente está en mans de Novagalicia Banco -e que antes pertencía ás caixas- e que previsibelmente fique en mans alleas logo da inminente venda da entidade. 

Así mesmo, no Estatuto do 36 tamén se contemplaban fórmulas de profundidade democrática, cuestión na actualidade moi vixente ante as demandas nese sentido de diversos movementos. “Calquera lei que saíse da Asemblea Galega, o Parlamento, tería que ser sometida a referendo se así o pedía o quince por cento do censo”, apuntou García Negro. 

Na súa intervención, a ex deputada recordou que xa nacionalistas históricos como Castelao sinalaron na súa época que aquel Estatuto “era un punto de partida, non de chegada” e tamén dixo que “non é disparatado pensar que a súa aprobación en plebiscito acelerou o golpe militar posto que pechaba o círculo aberto por Galeusca en 1923, o que foi visto como un gran perigo para os defensores da España unitaria e indestrutíbel”.

Máis en Galiza
comentarios