Primeira xornada conxunta de mobilización soberanista, perante as sedes do PP

A ruptura con un réxime político que se esgota, que non é quen de propiciar unha saída xusta á crise e non respeita os dereitos nacionais de Galiza. Ese é o leit motiv que impulsa a 14 forzas políticas e sindicais da Galiza a se mobilizaren conxuntamente. Nacionalistas, soberanistas e independentistas concentráronse esta quinta feira perante as sedes do PP nas cidades do país. Preparan unha grande manifestación nacional para o día 3 de Marzo, en Santiago.
Concentración en Vigo
photo_camera Concentración en Vigo


Militantes e simpatizantes de BNG, CCPI, CIG, COG, Fruga, MpB, Nós UP, Agir, AMI, Briga, Comités, GN, ISCA e LEG acudiron a unha convocatoria cun obxectivo ben sinxelo: denunciar a corrupción política do PP e reivindicar o dereito á soberanía nacional como receita para afrontar a crise económica.

Baixo o lema “polo dereito o traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía galega”, nun manifesto colectivo, as forzas políticas e sindicais reivindicaron, asemade, “un proceso constituínte e de ruptura democrática”, así coma dar fin á “corrupción e a destrución social e cultural”, no marco da primeira quenda dunhas mobilizacións que culminarán na convocatoria nacional do vindeiro 3 de Marzo.

O manifesto, que na concentración de Compostela foi repartido entre os transeúntes da céntrica rúa Alfredo Brañas, fai un repaso da situación do país e pon o acento nas cuase 300.000 persoas sen traballo, ben como denuncia a crise do agro e do naval, o estrangulamento da investigación, o espolio do aforro galego, a degradación e a privatización dos servizos públicos educativos, sanitarios, sociais e mesmo da xustiza, o escándalo da corrupción, o emprego do goberno autonómico para destruír a nosa lingua e cultura ou o incremento continuado da represión policial, xudicial e carcearia.

Nesta mobilización conxunta das forzas nacionalistas, soberanistas e independentistas non tomou parte Anova, embora si o fixese unha organización integrada no seu seo, o Movemento pola Base (Mpb).

En declaracións a Sermos Galiza, Martiño Noriega, dirixente de Anova, declinou "entrar a valorar esta decisión" [a de non facer parte desta convocatoria soberanista]. Limitouse a dicer que "polo momento" non aderirán este movemento conxunto das forzas nacionalistas e independentistas.

Comentarios