Abonda xa! Berro conxunto do soberanismo galego contra a corrupción e polos dereitos nacionais

A partir das 12h, hora prevista para o inicio da mobilización, poderás seguila minuto a minuto a través da nosa conta de twitter @SermosGaliza


Hoxe, ás 12h, a Alameda de Compostela será testemuña dos primeiros pasos da acción sen precedentes que máis dunha ducia de organizacións nacionalistas convocaron para dar "unha resposta conxunta" perante a "descomposición actual do sistema" e en prol "dos dereitos nacionais" da Galiza. Coa nube de corrupción que sobrevoa sobre o PP, a manifestación percorrerá as rúas da capital do País baixo o lema Abonda xa!

BNG, CCPI, CIG, COG, Fruga, MpB, Liga estudantil, Comités, Agir, Galiza Nova, AMI, Briga, Isca! e Nós-UP. Son as catorce organizacións que decidiron dar un paso á fronte contra esa corrupción, polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e "á plena soberanía nacional galega", tal e como recolle o cartaz da convocatoria. A elas uníronse varias organizacións feministas, nomeadamente Mulheres nacionalistas galegas e Conas ceives, que concorrerán á mobilización ataviadas cunha prenda violeta nun bloco propio: #FeministasEmResistência.

Así as cousas, todos os colectivos antes citados concordan ao considerar que só o xesto político que fai posíbel esta acción xa debe ser valorada como moi positiva e consideran que a actual crise económica, social, política e institucional non deixa moita marxe de manobra para alén de xuntar folgos e transladar as protestas á rúa.

NOTA: Sermos Galiza ofrecerá información cumprida e puntual desta manifestación a través da súa conta na rede social Twitter [@SermosGaliza]

Comentarios