Todas as enquisas coinciden en situar a pugna en Euskadi entre PNV e EH Bildu

Todas as sondaxes publicadas até a data coinciden en sinalar o PNV como vencedor das eleccións do domingo e en situar EH Bildu como única alternativa aos jeltzales. Estas dúas forzas políticas poderían ocupar dous terzos do Parlamento de Gasteiz na próxima lexislatura, mentres que PSE e PP, que ostentaron maioría absoluta nos últimos anos tras a exclusión da esquerda abertzale, quedarían relegados a exercer un papel secundario.
Acto público de EH-Bildu
photo_camera Acto público de EH-Bildu no BEC


A campaña entra na súa última semana e os partidos apuran as súas opcións de convencer aquelas persoas que aínda non teñen decidido o seu voto, nun contexto en que todas as enquisas sitúan PNV e Euskal Herria Bildu como as únicas candidatas a alzarse coa vitoria o próximo domingo. Os jeltzales parten con vantaxe según todas as sondaxes, que coinciden tamén en centrar na plataforma que lidera Laura Mintegi a única alternativa a unha eventual vitoria de Iñigo Urkullu.

A coalición soberanista afronta a recta final da carreira reforzada polo gran cheo do sábado no BEC, o acto máis multitudinario de toda campaña e coa satisfacción de superar, aínda que só sexa no plano simbólico, a un PNV que unha semana antes non conseguira encher ese mesmo recinto.
Quizais por ese motivo, Urkullu non se fía das enquisas, das cales dixo onte que son «como valerianas para que nos relaxemos» e fixo un chamamento ás e aos seus votantes para que o 21-O acudan sen falta ás urnas.

Na mente do líder jeltzale probabelmente pesa a experiencia das dúas últimas citas electorais, en que a maioría das sondaxes non soubo prever a fortísima irrupción de Bildu, primeiro, e de Amaiur, despois. Só a enquisa publicada por GARA con motivo dos comicios ao Congreso e ao Senado español vaticinou que Amaiur sería, con sete deputad@s, a primeira forza en Hego Euskal Herria, como finalmente sucedeu. O resto, tanto nas eleccións de maio como nas de novembro, estivo lonxe dos resultados reais.

EH Bildu, 20 ou máis en todas

É lóxico, xa que logo, que no PNV non estean tranquil@s, menos aínda cando algúns escanos poden caer cara a un partido ou outro por apenas uns votos de diferenza. Por exemplo en Araba, herrialde onde en 2009 EA non obtivo representación por só unhas poucas decenas de papeletas.

En calquera caso, si é certo que nesta ocasión todas as enquisas coinciden na orde das primeiras catro opcións: PNV, EH Bildu, PSE e PP, respectivamente. É destacábel, neste sentido, que as dúas formacións que apoiaron o executivo de Lakua nos últimos anos -até a ruptura do pacto PP-PSE- quedan relegadas a un papel secundario na liza electoral. De feito, segundo a enquisa realizada por Aztiker para GARA e NAIZ, os partidos que lideran Patxi López e Antonio Basagoiti nin sequera sumarían entre ambos os dous tant@s parlamentari@s como EH Bildu.

A coalición que conforman a esquerda abertzale, EA, Aralar e Alternatiba é a gran novidade nestas eleccións, e segundo as sondaxes se sitúa nunha forquita de entre 20 e 24 escanos. Ningunha das seis enquisas publicadas en campaña -as de GARA-NAIZ, o CIS, o Grupo Noticias, «El Mundo», o Goberno de Lakua e Vocento- lle outorga menos dunha vintena de parlamentari@s. Calquera cifra que se mova neses parámetros suporía un fito para unha candidatura abertzale de esquerdas.

O mesmo sucede respecto á porcentaxe de voto, que podería atinxir até un 28,5% no mellor dos casos, e un 24,5% no peor dos escenarios.

A marxe en que se move o PNV é tamén de catro escanos, entre 24 e 28. No caso da formación jeltzale as súas mellores expectativas son as que apunta Aztiker, mentres que tanto o Grupo Noticias como «El Mundo» e Lakua sinalan a posibilidade de que non supere @s 24 parlamentari@s. En porcentaxe de voto, o partido de Iñigo Urkullu móvese entre o 33,1% e o 36,2%.

O PSE podería perder a metade

Quen peor parado sae das enquisas é, precisamente, o partido que gobernou na CAV nos últimos anos. Desde os 25 escanos actuais --a exclusión da esquerda abertzale inflou a representación de todos os partidos-- o PSE pasaría a un máximo de 18, aínda que só «El Mundo» lle dá tantos, e un mínimo de 12, segundo a enquisa de GARA-NAIZ. Xa que logo, o partido de Patxi López podería perder até a metade da súa representación, un recorte drástico.

Os números tampouco lle dan ao PP, que se fai menos dun ano puido subirse á onda azul que arrasou no estado, hoxe, tras os durísimos recortes do goberno de Mariano Rajoy, só aspira a non perder moito ou quedar como está, con trece parlamentari@s. Ese é, precisamente, límite superior que lle conceden as enquisas, 13 asentos. Por abaixo, a sondaxe de Lakua dálle 10 e o de Aztiker, 9. Á marxe das catro principais candidaturas, só EU-Ezker Anitza e UPyD contan con algunha posibilidade de ter representación parlamentar.

Rubalcaba e Rajoy

Durante esta fin de semana os responsábeis máximos do PP e o PSOE participaron na campaña electoral. O presidente do goberno español, Mariano, Rajoy, acompañou a Antonio Basagoiti nun acto celebrado no Arriaga de Bilbo. Rajoy defendeu que «fóra de España e de Europa se está en ningures e condenados á nada». Afirmou, ademais, que a Constitución española e o Estatuto de Gernika son «o único lugar de unión de todos os vascos».

En Gasteiz entrou en campaña o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, que tamén falou contra a independencia en termos económicos, «Euskadi sairá da crise con España e Europa ou non sairá». Rubalcaba afirmou que «hai quen quere volver a anteriores épocas de sectarismo e enfrontamento entre vascos». Pola súa banda, Patxi López dixo que se @s pensionistas da CAV cobran «é grazas á caixa única da Seguridade Social e á solidariedade dos traballadores do resto de España».

Comentarios