O pobo vasco torna histórica a mobilización polos dereitos d@s pres@s que o PP quixo prohibir

A convocatoria era para unha marcha en silencio, mais o silencio durou pouco. Os aplausos fixeron rebentar as rúas de Bilbo acompañados dun berro unánime: 'Euskal presoak etxerat'.




[Vídeo: Argia]


​Quixeron prohibila e fixérona histórica. Centos de milleiros --130.000 segundo o diario Gara-- botáronse ás rúas este sábado en Bilbo na manifestación anual en defensa dos dereitos humanos e dos dereitos dos e das presas vascas coa prohibición da organizada pola iniciativa popular Tantaz Tanta como pano de fondo adornado tamén pola detención na sexta feira de varias persoas, entre elas avogad@s d@s pres@s de ETA. A fiscalía pediu tamén o veto para este protesto alternativo, mais o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno non apreciou motivo ningún, "nin sequera indiciario", para decretar a súa prohibición. 

Nunha conversa co xornalista Unai Brea, da revista vasca Argia, quen se atopaba na manifestación, Sermos Galiza puido confirmar que foron moitas as persoas que secundaron o protesto xustamente porque a Audiencia Nacional, alentada polo Goberno español, decretou a prohibición do que había convocado, que xa se aveciñaba multitudinario.

Con todo, as rúas de Bilbo foron exemplo de que unha imaxe vale máis que mil palabras. A manifestación principal, que decorreu pola rúa Autonomía encabezada pola faixa co lema Giza Eskubideak, Konponbidea, Bakea --Dereitos Humanos, Resolución, Paz--, estivo rodeada por 'pequenas' marchas nas rúas lindeiras que xuntaron por volta de dous milleiros de persoas cada unha delas, diante da imposibilidade de partillar un único espazo. 

As organizacións convocantes [Sortu, EA, Aralar, Alternatiba --as catro integrandas en EH Bildu-- PNV, Geroa Bai, ELA e LAB] chamaran ao silencio. E en silencio arrincou a mobilización.

Mais ese silencio durou pouco. Deseguida Bilbo escachou nun sonoro aplauso aderezado con dous berros unánimes que, intercalados, foi practicamente o único que se ouviu durante as case dúas horas de protesto: Euskal Presoak Etxerat e Euskal Presoak Amnistia Osoa.

Con eles, unha maré humana reclamou a fin da dispersión das persoas que cumpren condena en cárceres de España e Francia por pertenza á organización ETA e a "amnistía total" para tod@s el@s. 

Un dos intres máis emotivos da marcha foi cando, após un intre de silencio, centos de milleiros de gorxas corearon ao unísono o retrouso da canción Borrokalari Kalera --Persoa que loita, á rúa-- que foi escrita xustamente para un preso vasco e que contén frases como "zai dago ama, zai aita..." --a túa nai e o teu pai agardan por ti--". A manifestación rematou diante do Concello de Bilbo. 

Comentarios