O BNG translada o seu ''decidido apoio'' ao proceso de paz en Euskadi

A formación frontista rexeita o veto imposto á mobilización de Tantaz Tanta e di que a fiscalía da AN "respondeu ás presións políticas do Goberno español" ao impedir que se realizase a marcha. Tamén Anova e as organizacións independentistas Nós-UP e Causa Galiza condenaron a prohibición.

pingaapinga
photo_camera [Cartaz do BNG]


As reaccións no nacionalismo galego ao veto que a Audiencia Nacional española impuxo á mobilización de Tantaz Tanta --Pinga a Pinga na súa tradución do euskera ao galego-- non se fixeron agardar.

O BNG emitiu un comunicado de imprensa en que manifesta o seu "decidido apoio" ao proceso de paz en Euskal Herría "ao entender que é o camiño a seguir para a resolución definitiva do conflito vasco". 

Lamenta a formación frontista que o Goberno español estea a "ignorar" o novo escenario "e a oportunidade aberta" após a declaración do alto o fogo definitivo realizada pola organización ETA en outubro de 2011. Considera o veto á convocatoria de Tantaz Tanta, a prohibición da actividade de Herrira e a detención de avogad@s d@s pres@s vasc@s actuacións políticas e xudiciais "que parecen empeñadas en entorpecer o proceso de paz" e chama a atención sobre a actuación seguida pola fiscalía da Audiencia Nacional, "que responde ás presións políticas do Goberno español".

Por derradeiro, o Bloque considera "extravagante" que se prohiba unha manifestación convocada baixo o lema Dereitos humanos, resolución, paz e volve destacar que o Executivo español está a deixar pasar "unha oportunidade histórica" para o pobo vasco.

Anova fala de "franquismo sen Franco"

A organización política Anova condenou tamén a prohibición da manifestación en prol dos dereitos dos e das presas de ETA así como as detencións acontecidas nos últimos días en Euskal Herría. Cualifican a decisión da Audiencia Nacional de "atropelo" e aplauden a resposta unitaria do nacionalismo vasco.

"A decisión de prohibir a manifestación contra a política penitenciaria e de castigo ás familias dos presos é unha mostra evidente da regresión nos dereitos democráticos e cívicos que está impoñendo o PP para facernos regresar ao franquismo sin Franco", sinala Anova nun comunicado.

Nós-UP e Causa Galiza tamén rexeitaron o veto da AN

As organizacións independentistas Nós-UP e Causa Galiza fixeron público o seu rexeitamento á prohibición da mobilización de Tantaz Tanta a través das súas contas de Twitter. "Manifestamos a nosa solidariedade coas últimas detencións en Euskal Herría e denunciamos a prohibición da Audiencia Nacional da manifestación de Bilbo", escribiu Nós-UP, achegando noutro chío a súa "solidariedade" coas persoas que foron detidas na última operación da Garda Civil, desta volta contra avogad@s de pres@s. 

Pola súa banda, Causa Galiza considerou que "a prohibición da mobilización de masas de Tantaz Tanta é o retrato do fracaso de España en Euskal Herría" e, atendendo ao carácter histórico da manifestación que se agarda para este 11 de xaneiro, expresaron que "Madrid utiliza a Garda Civil e as prohibicións para non probar o caldo; mañá --en referencia ao día do protesto-- consumirá sete cuncas".

Comentarios